Morre Raviv Maganov, o presidente da maior petroleira privada rusa, após precipitarse por unha ventá

O magnate mostrárase crítico coa intervención militar rusa en solo ucraíno.
O presidente de Lukoil falecido, Ravil Maganov. (Foto: Lukoil)
photo_camera O presidente de Lukoil falecido, Ravil Maganov. (Foto: Lukoil)

O presidente da maior petroleira privada de Rusia, Lukoil, faleceu na tarde desta quinta feira após precipitarse da ventá do Hospital Clínico Central de Moscova, onde estaba ingresado por unha “enfermidade grave”.

Aínda que nun primeiro momento, a propia compañía non comunicou a causa da morte de Ravil Maganov, as axencias rusas de noticias Tass e Interfax aseguraron que o empresario caera da ventá do centro hospitalario.

Polo de agora, as autoridades rusas non fixeron públicos máis detalles sobre o ocorrido, aínda que algunha fonte citada por Tass avanzou que a hipótese máis probábel é que se trate dunha “morte por suicidio”.

Porén, outras fontes consultadas pola Axencia Reuters aseguraron que “é moi improbábel que o magnate do petróleo decidise acabar coa súa propia vida”.

Crítico coa intervención militar

Maganov fora un dos poucos grandes empresarios rusos que pedira publicamente a fin da intervención militar rusa en Ucraína.

Non é o primeiro empresario ruso relacionado co sector enerxético que falece desde o comezo do conflito bélico en solo ucraíno. Outro alto xerente de Lukoil, Alexander Subbotin, foi atopado morto no soto dunha casa nos arredores de Moscova o pasado mes de maio.

Tamén en maio, Vladislav Avayev, un ex executivo de Gazprombank, foi descuberto fatalmente tiroteado xunto coa súa esposa e a súa filla.

Comentarios