Morre o preso político saharauí Brahim Saika após ser torturado e facer folga de fame

Nado en xullo de 1984, o preso político saharauí Brahim Saika faleceu a sexta feira nun hospital de Agadir (Marrocos) após entrar en coma debido ao seu estado de saúde polas torturas sufridas e á folga de fame na que se declarara.

brahim
photo_camera Brahim Saika

Licenciado e cun Máster en Socioloxía, Brahim Saika foi un dos impulsores da Coordinadora de Desempregados Saharauís detidos o 1 de abril cando saía da súa vivenda. A detención por parte das forzas de seguridade marroquís tivo lugar cando trataba de participar nun protesto pacífico sobre a situación dos mozos saharauís.

Segundo denuncian ONG, o recentemente falecido sufriu torturas durante horas nunha comisaría de Guleim. Ese mesmo día foi ingresado na cadea, onde volveu sufrir malos tratos. Este foi o motivo que o levou a iniciar unha folga de fame. O 6 de abril o seu estado de saúde empeorou e foi ingresado no hospital de Guleim. Foi trasladado posteriormente a un hospital de Agadir, onde permaneceu en estado de extrema gravidade e encadeado á cama até que morreu na tarde do 15 de abril.

Activistas en defensa do pobo saharauí critican que, malia as reiteradas peticións da familia, o hospital se negara a realizarlle unha autopsia a Brahim Saika, que xa fora detido en 2008, cando era estudante na Universidade de Marrakech.

Comentarios