Morre o ex presidente do Uruguai Tabaré Vázquez aos 80 anos

De raíces galegas, Tabaré Vázquez foi o primeiro candidato de esquerdas en ocupar a presidencia de Uruguai, polo Frente Amplio. En 2016 viaxou a Galiza para coñecer a terra dos seus avós.
Tabaré Vázquez (Imaxe: Presidencia de Uruguai).
photo_camera Tabaré Vázquez (Imaxe: Presidencia de Uruguai).

O expresidente de Uruguai, Tabaré Vázquez, faleceu na madrugada deste domingo aos 80 anos de idade como consecuencia dun cancro de pulmón. Así o comunicou o movemento Frente Amplio. De ascendencia galega, o exmandatario recibiu a Medalla da Galiza en 2005 e visitou a terra dos seus avós hai catro anos.

"Con profunda dor comunicamos o falecemento do noso presidente de honra, Tabaré Vázquez. O seu exemplo de integridade política e compromiso inquebrantábel co noso país e a xente impulsaranos a continuar o seu legado", fixo saber a formación a través das súas redes sociais.

O tumor fora diagnosticado en agosto de 2019. Durante o período do seu tratamento Vázquez afastouse do foco público, se ben permaneceu activo dentro do Fronte Amplio. A súa última participación no Plenario da formación tivo lugar en outubro, logo dun encontro xunto ao tamén ex presidente José Mujica e mais a senadora Lucia Topolansky.

Nado en 1940 nunha familia numerosa e humilde, Vázquez tivo que facer a un lado os seus estudos durante un importante paréntese para garantir o sustento dos seus. Desde o comezo a súa carreira política estivo ligada a proxectos sociais.

Con 18 anos fundou o club ‘El arbolito’ no barrio de La Teja de Montevideo. Até alí desprazáronse xente moza e maiores para satisfacer necesidades desde deportivas até médicas. A pesar da súa tardía entrada na universidade, licenciouse en Medicina coa especialidade en oncoloxía, alcanzando postos de responsabilidade nas institucións sanitarias uruguaias.

Vázquez foi alcalde da súa Montevideo, converténdose no primeiro político de esquerdas en ocupar o Goberno capitalino. Escalou posicións até liderar o Fronte Amplio e tentou até en dúas ocasións chegar ao Palacio de Suárez y Reyes sen éxito. O diálogo constante que mantivo co Goberno de Jorge Batlle para superar a crise bancaria de 2002 sentouno finalmente no posto de mando.

En 2005, convertido no primeiro presidente uruguaio da esquerda, Tabaré Vázquez sentou no banco dos acusados aos líderes da ditadura militar sen derrogar a denominada Lei de Caducidade, que garante a impunidade, grazas a un artificio xurídico co que excluíu casos determinados de desaparicións e torturas do ámbito de influencia desta lei.

O seu primeiro mandato estivo caracterizado polas políticas sociais, coas que abriu camiño para reducir a pobreza e o analfabetismo en Uruguai e para estender unha cobertura sanitaria básica e pública a toda a cidadanía. Nese eido impulsou a lei contra o tabaco e declarou libres de fume os espazos fechados.

Unha década despois, Tabaré Vázquez asumiu o seu segundo mandato culminando, logo do de Mujica, 15 anos ininterrompidos de dominio do Fronte Amplio. O desgaste deses tres lustros, sumados a “erros” recoñecidos polo propio Vázquez motivaron a fin desa era e o ascendo do conservador Luis Lacalle Pou.

Lazos con Galiza

En 2016 Vázquez visitou Galiza, a terra dos seus avós. Durante a súa estancia realizou unha ofrenda floral ante o busto do militar e estadista uruguaio José Gervasio Artigas en Compostela. En 2005 recibiu a Medalla da Galiza, a máxima condecoración que outorga o país. O daquela presidente da Xunta, o popular Manuel Fraga, viaxou até Montevideo para facer entrega desta insignia un mes antes de perder as eleccións galegas.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, quen recibiu a Vázquez en 2016 ou a deputada do BNG Ana Miranda comunicaron o seu pésame por redes sociais. Miranda acompañou a actual líder dos nacionalistas Ana Pontón ou ao ex vicepresidente da Xunta Anxo Quintana a Uruguai, onde foron recibidos por Tabaré Váquez.

Comentarios