Morre Domenico Losurdo, crítico marxista do liberalismo

En Contrahistoria do liberalismo, Domenico Losurdo enfrontaba unha tarefa de demolición: a da ideoloxía dominante. Colocaba o foco sobre as contradicións filosóficas e, sobre todo, prácticas do pensamento liberal.

domenico
photo_camera Domenico Losurdo

Se a liberdade era a súa principal teima, por que no seu nome aconteceu o colonialismo?, preguntábase. Non era este o único espello que Losurdo, sempre desde un marxismo de raíz hegeliá, erguía contra a tradición teórica da burguesía. O libro databa de 2005 e resumía décadas de estudo. Era apenas unha peza máis na ampla bibliografía do profesor que morreu esta quinta feira aos 77 anos. Nacera en Bari (Italia).

Militante de todas tentativas de refundación comunista -a última, a do Partido Comunista Italiano en 2016-, Domenico Losurdo escribiu feroces críticas da esquerda eurocentrista. Ademais consideraba que a empresa colonizadora occidental iniciada no século XIX era “o verdadeiro pecado orixinal do século XX” e a primeira manifestación do totalitarismo e “o universo concentracionario”.

Repasou a Gramsci -de quen trazou o seu traxecto entre o que consideraba certa formación liberal e o “comunismo crítico”. En A esquerda ausente. Crítica, sociedade do espectáculo, guerra (2014) prestaba atención a China e o seu “desenvolvemento das forzas produtivas”. Opositor á identificación de Europa e Unión Europea e polémico no seu Stalin. Historia e crítica dunha lenda negra (2008), o seu último ensaio recollido en libro titúlase O marxismo occidental. Como nace, como morre, como pode renacer. Publicouno en 2017.

Kant, Hegel e Marx conforman as fontes últimas do seu inxente labor de clarificación e crítica teórica. En Galiza, a súa pegada séntese nalgúns tramos do Canastro sen tornarratos. Resistencia popular na era do capitalismo sen democracia (Xerais, 2018), o ensaio de David Rodríguez.

Comentarios