Morre Denis Goldberg, o único branco condenado canda Mandela

Ex membro do Partido Comunista Surafricano, aliñado co Congreso Nacional Africano, foi detido, torturado e condenado a cadea perpetua en 1963. Pasou máis de 20 anos na cadea.

mandela-goldberg
photo_camera Denis Goldberg e Nelson Mandela (nelsonmandela.org)

O activista contra o apartheid Denis Goldberg, o único branco condenado canda Nelson Mandela e outras iconas da loita de liberación en Suráfrica nos xuízos de Rivonia en 1964, faleceu aos 87 anos, segundo anunciou nesta quinta feira, 30 de abril, a súa fundación.

Goldberg faleceu a última hora da cuarta tras padecer un cancro de pulmón durante os dous últimos anos, indicou á axencia de noticias alemá DPA Debbie Budlender, xerente da Denis Goldberg Legacy Foundation Trust, subliñando que o feito de que vivise tanto é "un signo da súa determinación e valor".

Coa morte de Goldberg, dos dez condenados no que se definiu como o "xuízo que cambiou Suráfrica" só queda un con vida, Andrew Mlangeni, de 94 anos.

22 anos de prisión

Nacido en Cidade do Cabo e con formación de enxeñeiro, Goldberg cumpriu 22 anos dunha pena a cadea perpetua logo de ser declarado culpábel de "facer campaña para derrocar o Goberno mediante unha revolución violenta".

Con antepasados xudeus, Goldberg foi criado nun fogar liberal e implicouse no activismo de mozo, moi consciente da inxustiza do réxime do apartheid, que forzou á segregación entre brancos e negros e negou a estes últimos o dereito de voto.

Primeiro uniuse ao Partido Comunista Surafricano, unha organización ilegal aliñada co Congreso Nacional Africano (ANC) de Mandela, e posteriormente uniuse ao brazo armado deste segundo partido, Umkhonto we Sizwe (Espada da nación).

Foi arrestado durante unha redada nun piso franco do ANC en Rivonia, un suburbio de Johannesburgo, en xullo de 1963, e foi interrogado e torturado. Durante o xuízo, os dez imputados esperaban ser condenados a morte, e Goldberg posteriormente contou o que o emocionara o mítico discurso de Mandela no tribunal sobre como estaba preparado para morrer por unha Suráfrica sen razas.

"Traidor"

Dada a división racial do sistema do apartheid, tras a súa condena Goldberg foi separado dos seus camaradas negros recluídos en Robben Island e encarcerado na capital, Pretoria. Máis tarde, falaría do illamento que sentiu nese período. "Como era branco, o seu odio cara a min era mesmo maior, porque me vían como un traidor", contou.

A súa muller Esme Bodenstein, tamén unha veterana da loita que foi detida varias veces polo seu activismo e recluída en illamento, viviu no exilio en Londres mentres o seu marido estivo en prisión. Tras ser liberado en 1985, Goldberg reuniuse con ela no Reino Unido, onde se converteu en portavoz do ANC e tamén representou o movemento no Comité contra o Apartheid das Nacións Unidas.

Goldberg regresou a Sudáfrica case unha década despois do final do apartheid e ocupou un posto no Goberno como asesor especial doutro veterano de Umkhonto we Sizwe, Ronnie Kasrils, entón ministro de Asuntos de Auga e Bosques.

Crítico co ANC

Como o seu amigo e tamén condenado no xuízo de Rivonia, Ahmed Kathrada ─falecido en marzo de 2017─, Goldberg volveuse crítico co ANC e co ex presidente Jacob Zuma, quen actualmente se enfronta a varios cargos por corrupción.

Goldberg permaneceu implicado en varios proxectos e fundou a Denis Goldberg Foundation Trust, que busca "propagar a mensaxe de tolerancia, debate, xustiza e multiculturalismo". Estaba especialmente interesado no papel que as artes podían desempeñar para lograr o cambio social.

Comentarios