ENTREGA á IMPRENSA A FACTURA LIBRADA AO BANCO DO ALBA, MAIS NON O CONTRATO

Monedero ataca a Montoro e nega que usase artificios para pagar menos a Facenda

Monedero voltou ao primeiro plano nunha conferencia de imprensa multitudinaria e marcada por un monumental retraso: convocada ás 13.30, o número 3 de Podemos compareceu perante as xornalistas por volta das 14.40.

fatura
photo_camera Copia da factura librada ao Banco do Alba

O argumentario de Juan Carlos Monedero -secretario de Proceso Constituínte e de Programa de Podemos- é basicamente o seguinte: nada do que fixo é reprochábel nen do ponto de vista legal nen do ponto de vista ético e é albo dunha "caza de bruxas" alimentada pola "casta" perante o temor a que Podemos cause a queda do réxime do 78.

Monedero negou en todo momento que usase artificios fiscais para pagar menos a Facenda. Dixo que, segundo os expertos en lexislación tributaria aos que tería consultado, o efeito de tributar os ingresos da súa empresa no Imposto de Sociedades e no IRPF é virtualmente neutro, isto é, que non tería habido dano ao fisco.

Porén, non deu explicacións satisfactorias de por que entón se viu obrigado a presentar unha declaración complementaria a efeitos de IRPF, por valor de 200.000 euros, cando polo Imposto de Sociedades apenas pagara 70.000 euros. Só dixo que agardaba que Facenda lle devolvese parte deses 200.000 euros.

Monedero nega que usase os 425.150 euros en financiar a Podemos e, en troca, dixo que empregou ese diñeiro en contribuír á profesionalización de "La Tuerka".

Os ingresos en cuestión son produto do contrato que asinou a súa empresa -Caixa de Resistencia Motiva2- co Banco do Alba por valor de 425.150 euros.

O Banco do Alba -entidade criada por Venezuela, Cuba, Bolivia e Nicaragua- tería contratado os servizos de Monedero para saber como enfrentar o proceso de unidade monetaria en América Latina.

Monedero entregou unha volumosa documentación ás xornalistas. Incluía unha factura, a librada pola súa empresa ao Banco do Alba, e o extracto bancario de que o ingreso feito por esta entidade foi na conta corrente de Caixa de Resistencia Motiva2 e non en ningunha súa persoal.

Mais o que non entregou Monedero foi o contrato ou ningún outro documento expedido polo Banco do Alba. Para xustificar a ausencia deste material, escudouse na cláusula de confidencialidade asinada no seu dia coa entidade latinoamericana.

Foi moi tallante ao afirmar que non entregou "nen un só euro" dos 425.150 a Podemos e, en troca, non tivo o menor reparo en afirmar que os ingresos obtidos por este trato os investiu na "profesionalización" de "La Tuerka", o proxecto mediático que popularizou a figura de Pablo Iglesias.

Comentarios