CATALUNYA

"Le Monde" explica que as urnas do 1-O viñan de Marsella

O diario francés Le Monde publica unha reportaxe na que explica que as urnas que se empregaron no referendo catalán do 1 de outubro procedían de Franza, mentres que as papeletas se editaban na Catalunya Nord.

[Imaxe: Dani Candal] Reconto do 1-O
photo_camera [Imaxe: Dani Candal] Reconto do 1-O

Nunha reportaxe publicada En Catalunya, as urnas viñan do Norte, o diario francés Le Monde explica que o referendo catalán do 1 de outubro “débelle moito –directa e indirectamente- aos franceses”. E é que as urnas procederían de Marsella, segundo explica ao rotativo Laia Vicens, autora do libro Operació Urnes xunto a Xavi Tedó.

Le Monde afirma que un empresario catalán asegurou aos autores do libro que “pagou do seu peto as 10 mil urnas de plástico” e que lle custaron 100.000 euros. A transacción foi, segundo se recolle na obra, no mes de xuño de 2017.

As urnas servirían “para formar a maior pirámide do mundo de caixas de plástico”

Como trasladaron as urnas desde A China, lugar de fabricación, ao porto de Marsella? Segundo sinala o rotativo, tomando como fonte Laia Vicens, a través de veciñas e veciños de Perpinyà, que se escudaron perante a Xendarmaría da fronteira en que as urnas servirían “para formar a maior pirámide do mundo de caixas de plástico”. Unha vez no porto marsellés, tres camións trasladarían as urnas a Elna (Rosselló), lugar desde o cal se repartiron por toda Catalunya.

O diario francés tamén afirma na reportaxe que as papeletas se imprimiron na Catalunya Nord, a través dunha “estrutura piramidal clandestina” que evitou que saltase á luz pública. De feito, en declaracións a Le Monde, Laia Vicens, que tamén é xornalista do diario catalán Ara, pon de manifesto que “o máis impresionante é, probabelmente, a capacidade de manter a discreción até o final, mentres que 2 a 3 mil persoas tiveron que traballar xuntas”.

A explicación que ofrece o libro desmonta, segundo salienta Elnacional.cat a trama de malversación de fondos difundida polo Goberno español.

Comentarios