A Moncloa levará ao TC a decisión de Torrent de propor Puigdemont como candidato

O Goberno español pide ao Consello de Estado un informe previo á apresentación dun recurso perante o TC. O argumento básico da Moncloa é que Puigdemont "é unha persoa que non ten plenitude de direitos".

Soraya Sáenz de Santamaría
photo_camera Soraya Sáenz de Santamaría

Foi a vicepresidenta do Goberno Soraya Sáenz de Santamaria a encarregada de, nunha comparecencia exprés, anunciar que o Goberno español estuda levar ao Tribunal Constitucional a candidatura de Puigdemont, proposto para ser titular do Govern polo presidente do Parlament, Roger Torrent, após a preceptiva rolda de contactos cos distintos grupos parlamentares.

A xuízo da Moncloa, a candidatura de Puigdemont non ten encaixe constitucional. O líder de JxCat non tería "direito absoluto á liberdade deambulatoria" ao ter desatendido un requerimento xudicial e ao se ter refuxiado en Bélxica. O facto de ter causas pendentes coa xustiza tornaríao inhábil para unha investidura, opina o goberno, quen pediu un informe ao respeito ao Consello de Estado.

O acto xurídico concreto que se impugna é a resolución de 22 de xaneiro en que Roger Torrent propón Puigdemont como candidato á presidencia do Govern.

Comentarios