Por parte dos EUA, Reino Unido e Francia

A Moncloa considera proporcionado o ataque a Siria

Malia non contar co aval das Nacións Unidas, a Moncloa considera proporcionado o ataque dos EUA, o Reino Unido e Francia contra siria.

[Imaxe: Nacio Digital] Mariano Rajoy
photo_camera [Imaxe: Nacio Digital] Mariano Rajoy

O Goberno español vén de emitir un comunicado en que considera a acción dos EUA, o Reino Unido e Francia contra Siria “proporcionada”. “Preferimos sempre a acción concertada internacional ás accións unilaterais. Cando estas suceden, deben ser proporcionadas, como foi o caso nesta ocasión”, afirma a Moncloa.

“Só un proceso político de transición, como se recolleu nas resolucións do Consello de Seguridade, pode traer a paz definitiva a Siria. É un proceso que debe estar encabezado polas nacións unidas”, continúa o comunicado, que non fai alusión ningunha ao feito de que a ofensiva tripartita non contou co aval da ONU.

O Goberno español lembra que o ataque con armas químicas “é un crime contra a humanidade”. “Usar armas químicas é unha cuestión (…) dunha gravidade extrema”, salienta a respeito do suposto ataque químico que se tería producido o pasado sábado, 7 de abril, e que non puido ser demostrado.

A Organización para a Prohibición de Armas Químicas encetaba este 14 de abril sobre o terreo a investigación do presunto ataque químico

Precisamente, a Organización para a Prohibición de Armas Químicas encetaba este 14 de abril sobre o terreo a investigación do presunto ataque químico que lle serviu de pretexto aos EUA, o Reino Unido e Francia para lanzar a ofensiva contra o Goberno de Al Assad.

Rusia di que o ataque químico "é unha nova posta en escena"

Sobre este suposto ataque con armas químicas pronunciouse Rusia a través do seu embaixador nas Nacións Unidas, Vasili Nebenzia, quen puxo de manifesto perante o Consello de Seguridade da ONU que nos centros hospitalarios de Duma non hai pacientes con síntomas de intoxicación nin hai probas que evidencien o uso de sarín ou cloro.

O ministro de Exteriores de Rusia, Serguéi Lavrov, sinalou ao respeito que Moscova ten "dados irrefutábeis" de que o presunto ataque químico "é unha nova posta en escena e nela participaron os servizos secretos dun dos Estados que se desvive por estar na vangarda da campaña rusófoba".

Comentarios