Moción de censura "transpartidista" en Francia contra Macron

O grupo LIOT, que aglutina parlamentarios centristas e ex partidarios do presidente francés, impulsan unha moción contra o Goberno de Élisabeth Borne tras aprobar vía decreto a polémica reforma das pensións que atrasa a idade de xubilación e que desencadeou fortes protestas no país. Le Pen presenta outra iniciativa paralela, se ben afirma que a súa formación dará o 'si' a "todas" as mocións de censura que se presenten na Asemblea Nacional.
Sonora protesta desde a bancada da Francia Insubmisa, esta quinta feira, na Asemblea Nacional. (Foto: Rit Heize / Xinhua News)
photo_camera Sonora protesta desde a bancada da Francia Insubmisa, esta quinta feira, na Asemblea Nacional. (Foto: Rit Heize / Xinhua News)

Ante a falta de consenso cos demais grupos parlamentarios, Emmanuel Macron optou esta quinta feira por resolver a súa reforma das pensións perante decreto, ao abeiro do artigo 49.3 da Constitución francesa. A decisión do presidente coñeceuse apenas uns minutos antes de que comezase na Asemblea Nacional a votación da proposta, para a que non daban os números.

E a Cámara respondeu: boa parte dos deputados e deputadas puxéronse en pé entoando a Marsellesa en sinal de protesta. "64 anos, non!", dicían os cartaces que ergueu a bancada da Francia Insubmisa —en alusión ao atraso da idade de xubilación—, a formación esquerdista liderada por Jean-Luc Mélenchon, e a sesión tivo que suspenderse durante uns instantes. Cando se retomou, os berros de "dimisión!" imposibilitaban o discurso da primeira ministra, Élisabeth Borne, designada hai menos dun ano.

Nas rúas a resposta foi tamén contundente. Milleiros de persoas mobilizáronse en París —e posteriormente noutras cidades como Rennes— mentres os sindicatos convocaban reunións de urxencia para analizar o camiño a seguir e advertían que as manifestacións non cesarán. Medios locais informaron de máis de 300 detencións durante a noite e madrugada da quinta á sexta feira no marco das protestas.

Xa onte os partidos políticos subían o ton e albiscaban unha próxima moción de censura contra o Goberno de Borne que nas últimas horas tornou en realidade. O grupo Libertés, Indépendants, Outre-mer et Territoires (LIOT), formado por centristas e antigos partidarios de Macron, formalizou unha moción asinada por 91 parlamentarios e parlamentarias de diferentes formacións, se ben non recibiu voto ningún da bancada conservadora dos Republicanos, cuxo apoio se antolla imprescindíbel para que a proposta saia adiante.

Si están do lado de LIOT as formacións de esquerda, como a Francia Insubmisa, cuxo líder anunciou esta mañá que renunciaban a presentar unha moción propia para "dar as maiores posibilidades" á que xa apoiaron membros de diferentes forzas políticas. Tamén a defenderá a extrema dereita do Reagrupamento Nacional, que lanzará inicialmente unha paralela da man de Marine Le Pen mais apoiará "todas" as que se presenten na Asemblea.

Esta moción "transpartidista", tal e como expón o propio texto, é a resposta de boa parte da Cámara ante o que consideran unha reforma "inxusta" que "maltrata millóns de compatriotas". "Votar esta moción de censura é votar contra a reforma das pensións", salientan os asinantes, que chaman á "responsabilidade" de todas as formacións de "preservar a democracia".

Para que sexa aprobada deberá contar co 'si' de 287 deputadas e deputados, polo que o papel dos Republicanos, dos que en boa parte deberían rachar con Macron, será crucial.

Comentarios