Boris Johnson enfróntase hoxe a unha moción de censura interna

54 parlamentarios do Partido Conservador urxen a saída do primeiro ministro.
Os deputados 'tories' están descontentos coa xestión de Boris Johnson. (Foto: Aaron Chown / PA Wire / DPA)
photo_camera Os deputados 'tories' están descontentos coa xestión de Boris Johnson. (Foto: Aaron Chown / PA Wire / DPA)

O primeiro ministro do Reino Unido, Boris Johnson, será sometido na tarde desta segunda feira a unha moción de censura interna logo de que a súa propia formación, o Partido Conservador —que goberna con maioría absoluta—, obtivese 54 sinaturas de parlamentarios que avogan pola súa saída, o que supón 15% do total de representantes tories.

Así o vén de notificar o presidente do chamado 'Comité 1922' —que agrupa as e os deputados conservadores sen carteira—, Graham Brady, nun comunicado recollido polo xornal británico The Guardian.

"De acordo coa normativa, realizarase unha votación entre as 18 e as 20 horas desta segunda feira, 6 de xuño", informou Brady, que tamén explicou que o reconto de votos será "inmediatamente despois".

Para ficar no cargo, Boris Johnson precisa do apoio de, cando menos, 50% máis un de todos os parlamentarios do Partido Conservador, isto é, 180 de 359. A votación será secreta.

Desde Downing Street, residencia oficial do primeiro ministro, apoiaron Johnson e apuntaron que esta tarde se presenta como "unha oportunidade para pór fin a meses de especulación e permitir que o Goberno trace unha liña e siga adiante, cumprindo coas prioridades da xente".

Festas en Downing Street

Os deputados tories urxen a renuncia do líder do Goberno do Reino Unido após transcenderen a comezos de ano as festas organizadas en Downing Street ao longo da pandemia e sen cumprir a normativa sociosanitaria.

O persoal da residencia oficial de Johnson tería celebrado reunións sociais nas que se consumía viño e cervexa todas as sextas feiras nun momento no que os casos de Covid-19 ameazaban o sistema sanitario do país.

Comentarios