Moçambique ten garantido o apoio militar luso e da UE

Visita oficial de Rebelo de Sousa ao país golpeado polo xihadismo.
portugal_moçambique
photo_camera Os presidentes Nyusi e Rebelo de Sousa, onte en Maputo (Foto: Presidencia de Portugal)

O presidente de Portugal, Marcelo Rebelo de Sousa, asegurou onte nunha reunión en Maputo co seu homólogo mozambicano, Filipe Nyusi, que a guerra en Ucraína non reducirá o apoio da UE á loita contra o terrorismo no país africano. "Nada da posição portuguesa sobre a Ucrânia colide com o nosso apoio e empenho com o povo irmão de Moçambique", manifestou.

O mandatario portugués comezou onte unha visita oficial de catro días no país africano que cualificou de "segunda pátria, a seguir a Portugal". Alí, ademais de manter reunións con Nyusi, ten previsto visitar os centros de formación militar cos que colabora a UE. Bruxelas lanzou en 2021 un programa de adestramento para capacitar as forzas armadas do país na súa loita contra en Cabo Delgado.

Nesta provincia setentrional sucédense desde 2017 os ataques do grupo xihadista Al Sunnah wa Jamaah (ASWJ), coñecido localmente como Al Shabab. 

Designado en 2021 como "organización terrorista internacional" afiliada ao Estado Islámico (EI), é responsábel de máis de 3.700 vítimas mortais, entre estas máis de 1.600 civís.

Ademais, a violencia destes combatentes obrigou a unhas 735.000 persoas a abandonar os seus fogares, segundo os últimos datos da Axencia da ONU para os Refuxiados (ACNUR).

"Lonxe de terminar, a crise humanitaria persiste e centos de miles de persoas desprazadas sobreviven en condicións precarias", advertiu Médicos Sen Fronteiras en decembro.

Guerra en Ucraína

A respecto da guerra en Ucraína, o presidente luso afirmou que "não conseguimos compreender como se pode interferir na soberania de um Estado a não ser a pedido desse Estado".

Nyusi, pola súa parte, xustificou a abstención de Moçambique na resolución da Asemblea Xeral da ONU que condenou a invasão russa da Ucrânia. "Moçambique não está de acordo com a guerra, defendemos o diálogo", dixo.

Comentarios