Moçambique convértese no cuarto país africano en despenalizar o aborto

Sudáfrica, Cabo Verde, Tunisia e, agora, Moçambique aprobaron mudanzas legais desde 1973 para garantir o dereito á interrupción voluntaria do embarazo porén, a falta de acceso a formación e recursos abocan millentas mulleres a clínicas clandestinas.

O pasado 18 de decembro Moçambique puña fin á penalización do aborto e pasaba a se sumar aos países africanos en que a interrupción voluntaria do embarazo é legal. Xunto con África do Sur, Cabo Verde e Tunisia. 

O presidente moçambicano, Armando Guebuza, promulgou un decreto polo que se despenaliza por un período de 12 semanas ampliábel até as 16 nos casos de violación. Até o de agora, o aborto en Moçambique só se permitía legalmente naqueles casos en que a vida da muller correse perigo. 

(Preme no cadro para despregar o mapa interactivo)

Segundo as Nacións Unidas en Moçambique o 11% das mortes maternas prodúcense froito de abortos clandestinos. Desde 2006 o movemento feminista moçambicano intensificou o debate arredor da libre interrupción da gravidez e o dereito das mulleres a decidiren sobre o seu corpo.

Desde a Marcha Mundial das Mulheres a súa directora executiva e activista do Forum da Mulher, Graça Samo, asegurou após a aprobación da lei que o seu obxectivo é "que as mulleres saiban que teñen ese dereito" ao tempo que "o Estado ten o deber de promover os servizos e condicións de accesibilidade" para o garantir. "O noso país está de parabéns, o noso parlamento está de parabéns, o persoal do sector da saúde está de parabéns porque tiveron un papel moi importante en facer que isto aconteza", apuntou Samo. 

Graça Samo (MMM-Moçambique): "Sabemos que isto non é un gaño como un todo, mais é un punto de partida para un outro nivel de defensa"

Así as cousas, acrecentou, "sabemos que isto non é un gaño como un todo, mais é un punto de partida para un outro nivel de defensa. É preciso que os servizos e que as condicións sexan creadas nas unidades sanitarias e que as mulleres sexan educadas para evitaren ir á procura de servizos alternativos cando poden ir ás unidades sanitarias", sinalou Graça Samo. 

Abortos clandestinos

Neste senso, Sudáfrica reflicte unha realidade na que centos de mulleres interrompen a súa gravidez en clínicas clandestinas malia existir unidades públicas vencelladas ao departamento de Saúde. Isto acontece, afirman desde Cidade do Cabo Gleyma Lima e Polyanna Rocha nun artigo publicado por Operamundi en 2012 pola dificultade para accederen ao servizo e a "pouca instrución" das mulleres nas zonas rurais onde se rexistran "casos de abuso sexual de todos os tipos e neglixencia na saúde" cada "27 segundos", segundo cifras oficiais. 

En Sudáfrica o aborto é legal desde 1996 durante as primeiras 20 semanas mais a falta de recursos e de formación entre as mulleres aboca milleiros a clínicas privadas. O 11% das mortes maternas prodúcense no país por abortos clandestinos

Os abortos ilegais son anunciados mesmo en cartaces colados polas rúas e ofrécense durante calquera fase de xestación. Davi, un suposto médico dunha clínica clandestina afirma que "até o cuarto mes de gravidez cobramos 300 rands (21,06 euros)". Esta persoa explicou para Operamundi como se desenvolvía o procedemento. "Un remedio é inxerido e o outro introducido na vaxina. Despois a grávida agarda 72 horas e, en caso de o necesitar, volve á clínica retirar o feto". 

Se o aborto se practica a partir do quinto mes de embarazo "cobramos 600 rands (42,12 euros) para facer a intervención cirúrxica", explica Davi. Neste procedemento emprégase anestesia xeral. Segundo a ONG Marie Stopies o maior risco neste caso é unha aplicación errada da anestesia, o que causa a morte da muller. 

Esta realidade non mudou desde que Sudáfrica despenalizou o aborto en 1996. A constitución do país recoñece o dereito a decidir das mulleres a respeito do seu corpo e da súa maternidade despenalizando o aborto durante as 20 primeiras semanas. 

Tunisia e Cabo Verde

Xunto a Sudáfrica e Moçambique tamén Tunisia despenalizou o aborto. A interrupción voluntaria do embarazo é legal durante os tres primeiros meses de xestación após unha reforma legal aprobada en 1973. Através dun programa de planificación familiar as autoridades garanten que o servizo de saúde público sexa quen garanta o dereito ao aborto. 

Destarte, Cabo Verde tamén reformou o seu código penal en 1986. Ao igual que Moçambique a interrupción voluntaria do embarazo regúlase durante as primeiras 12 semanas de xestación. Porén, segundo un estudo realizado en 2011 polos Centros Hospitalarios do país apuntan que máis da metade das mulleres recoñecen descoñecer esta lei e, con ela, o dereito que recoñece un feito que, só nese ano, provocou o ingreso de 1697 mulleres en hospitais froito das consecuencias dun aborto clandestino. 

No continente africano a maior parte dos Estados penalizan a interrupción do embarazo ou só a autorizan no caso de existir un grave risco para a saúde das mulleres. Unha realidade xurídica extensíbel á maior parte dos países do sur --segundo o mapa elaborado anualmente pola organización Reproductive Rights. En troca, a maior parte dos estados do hemisferio norte posúen lexislacións nas que o aborto non conta con restricións durante uns prazos prefixados. 

Comentarios