A mobilización indíxena abanea Colombia

As protestas contra o Goberno de Duque toman as rúas de Bogotá. 
Colombia minga (Europa Press)
photo_camera Colombia (Europa Press)

As protestas acumúlanselle ao Goberno conservador de Ivan Duque. A folga xeral da pasada cuarta feira foi toda unha demostración do alcance do malestar popular e da capacidade das forzas populares para atopar puntos de encontro, un suposto que semellaba imposíbel nun escenario político tan fragmentado como o colombiano.

Ao tempo, a participación na xornada de loita dunha destacada representación indíxena significa a aparición dun novo actor político, que até o momento ten ocupado un segundo plano pola propia concepción eurocéntrica do sector hexemónico da esquerda colombiana, carente de sensibilidade á problemática dos pobos orixinarios.

A xestión da crise sanitaria e económica por parte do Executivo de Ivan Duque e a represión contra o movemento popular son os dous eixos que aglutinan as protestas.

A este respecto, o presidente da Central Unitaria de Traballadores (CUT), Diógenes Orjuela, manifesta que as mobilizacións “deixan clara a postura de absoluto rexeitamento aos masacres e aos asasinatos acontecidos no país nos últimos meses e ás represións exercidas pola policía”.

Na mesma liña, carga contra “a resposta do Goberno diante do coronavirus “ e a súa utilización para “promulgar toda unha lexislación de emerxencia que ten como obxectivo impedir a protesta social e non atender os graves problemas que padecen os sectores populares e a economía nacional”.

A xestión da crise sanitaria e económica por parte do Executivo de Ivan Duque e a represión contra o movemento popular son os dous eixos que aglutinan as protestas.

As mobilizacións chegan para ficar. Neste sentido, os representantes dos pobos indíxenas que acampan en Bogotá desde o pasado domingo, após unha marcha de miles de quilómetros ao longo de todo o país, lamentan “a negativa de Duque a negociar con nós unha solución aos problemas das nosas comunidades” e afirman a súa disposición a “darlle continuidade á loita até que o Goberno nos recoñeza como interlocutores”.

Comentarios