Mobilización das 'nacións orixinarias' en Canadá contra a súa discriminación: 'O voso sistema é miserábel'

Baixo o lema #ShutDownCanada decorren diversas accións de protesta contra a discriminación das comunidades indíxenas en Canadá. Desde bloqueos temporais de pontes e camiños de ferro até ocupacións de edificios públicos.

Canadá

Xornada de loita e protesta en Canadá convocada por diferentes colectivos indíxenas agrupados na plataforma ‘In Solidarity with all Land defenders’ e que baixo o lema #ShutDownCanada chaman a paralizar o país de Norte-américa. Máis dunha vintena de accións de protesto están a se realizar ao longo de Canadá, desde bloqueos temporais de estradas e vías férreas a ocupacións de edificios oficiais, pasando por chamadas a non consumir ese día ou mesmo non viaxar ou non acudir o traballo.

“O status quo de Canadá só beneficia á elite branca”

“O voso sistema fallounos miserabelmente. Non hai democracia e o pobo ten a obriga de demandar democracia. O status quo de Canadá só beneficia á elite branca”. Así comeza o manifesto da plataforma de colectivos indíxenas. Os diferentes pobos 'indíxenas' de Canadá, chámanse a si propios 'Nacións Orixinarias'. 'Aborixes' é como se lles denomina no Canadá anglófilo polo de 'indíxenas' no francófilo.

Por que?

O aumento de macroproxectos para explotar recursos naturais nos territorios dos indíxenas, o racismo, o desinterese das autoridades por investigar os numerosos casos de violacións e desaparicións de mulleres indíxenas, a desproporcionada taxa de indíxenas nas prisións, os altos niveis de pobreza (en comparación coa poboación branca), a falla de traballo, a represión policial... Todos estes motivos, e máis, están recollidos na chamada a esta xornada de protesto e mobilización que decorre esta sexta feira.


 


 

Comentarios