A ministra de exteriores española recibe Juan Guaidó

O líder opositor venezuelano Juan Guaidó será recibido na tarde deste sábado 25 de xaneiro pola ministra española de exteriores, Arancha González Laya. A ministra xa adiantou que desexa "eleccións libres, democráticas e transparentes" na República Bolivariana de Venezuela. 
Juan Guaidó (Imaxe: Didier Bauweraerts / European Parliament / dpa)
photo_camera Juan Guaidó (Imaxe: Didier Bauweraerts / European Parliament / dpa)

A ministra de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación do Goberno español, Arancha González Laya, reunirase este sábado, 25 de xaneiro, ás 16 horas con Juan Guaidó, líder da oposición venezuelana ao Executivo de Nicolás Maduro. González Laya sinalou ademais que o recibirá "en nome dun Goberno -o español- que o recoñece como presidente encargado" de Venezuela. 

En canto á polémica sobre un suposto encontro entre o ministro español José Luís Ábalos e a vicepresidenta da República Bolivariana de Venezuela, Delcy Rodríguez, González Laya asegurou no día de onte que "a mandataria venezuelana non entrou na Unión Europea a través do Estado español" ao asegurar que tan só fixo escala o pasado domingo no aeroporto de Madrid.

Ademais, a ministra de Exteriores remitiuse ás explicacións de  Ábalos, quen asegurou que non mantivo "ningunha conversa nin debate" con Delcy Rodríguez, e que só se achegou ao aeroporto para recibir ao responsábel de Turismo do Goberno de Nicolás Maduro porque mantén unha boa relación con el.

Por mor do bloqueo aprobado pola Unión Europea contra Venezuela, a vicepresidenta do Goberno de Maduro non pode entrar no territorio comunitario.

González Laya pide eleccións en Venezuela

En canto á reunión de hoxe con Guaidó, Laya remarcou que o Goberno español quere "que se realicen eleccións libres, transparentes e democráticas canto antes en Venezuela" e  "un acordo entre venezuelanos".

O Goberno de Pedro Sánchez, dixo, "está a traballar todos os días apoiando aos venezuelanos, moitos deles en situación crítica". Ademais, afirmou que a súa reunión seguirá a pauta do alto representante da UE, Josep Borrell, que vén de recibir Guaidó en Bruxelas.

Comentarios