A ministra da reforma laboral, a soldo da patronal

Malia que non se coñece o que percibe da Confederación Española de Organizacións Empresariais (CEOE), non deixa de ser chamativo o seu destino profesional após unha reforma que a maioría entenden beneficiosa só para o empresariado.
Imaxe de arquivo de Fátima Báñez. (Foto: Óscar J. Barroso / Europa Press)
photo_camera Imaxe de arquivo de Fátima Báñez. (Foto: Óscar J. Barroso / Europa Press)

Foi en medio do primeiro confinamento cando a Confederación Española de Organizacións Empresariais (CEOE) fichou como responsábel do seu proxecto "solidario" Empresas que Axudan a ex ministra de Traballo con Mariano Raxoi, Fátima Báñez, e daquela, negouse que fose ter soldo da CEOE.

Apenas uns meses despois, en xullo, a ex ministra -que coa súa reforma laboral favoreceu o empresariado en detrimento dos dereitos laborais- ascendeu á Presidencia da Fundación da CEOE, pasando a estar a soldo da mesma, aínda que non se desvelou o que cobra.

De feito, na páxina web da patronal presentan á ex ministra popular como a presidenta dese organismo con unha fotografía pero sen máis información de referencia.

En xeral todas as súas compañeiras e compañeiros son presentados cuns datos profesionais máis ou menos longos, agás a ex ministra.

No entanto, non deixa de ser significativo que a principal responsábel dunha reforma laboral que beneficiou ao empresariado e deixou máis inestabilidade para as e os traballadores, agora viva dun salario da patronal que non trascendeu públicamente.

Báñez compaxina o cargo co de conselleira independente da farmacéutica Rovi e de Iberdrola. Foi en outubro cando se formalizou a incorporación da antiga responsábel da carteira de Emprego e Seguridade Social como nova conselleira de Laboratorios Farmacéuticos Rovi.

A ex política, con categoría de externa independente segundo se informou no seu día á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) ocupou o cargo que antes pertencía a Enrique Castellón Leal, quen renunciou a esa posición.

 

Comentarios