domingo 07.06.2020

O Ministerio de Xustiza español urxe os rexistros a esclarecer o número de falecementos pola COVID-19

Acúsase un gran desfase entre o número oficial e o real de mortes por coronavirus dado que o rexistro oficial só computa os falecementos de persoas que foron diagnosticadas. 
Unha muller onte en Santiago, protexida con luvas e máscara (Imaxe: Arxina)
Unha muller onte en Santiago, protexida con luvas e máscara (Imaxe: Arxina)

O Ministerio de Xustiza ordenou aos máis de 4.000 rexistros civís do Estado español que comuniquen con urxencia toda a información ao seu dispor sobre os permisos de enterros expedidos desde que se decretou o estado de alarma.

A orde, emitida esta cuarta feira 8 de abril, pide que se indique se o falecemento ocorreu nun domicilio, hospital, residencia de maiores ou noutro tipo de centro e se a persoa falecida foi diagnosticada de coronavirus ou se manifestou síntomas indicativos da COVID-19. 

A orde chega após rotativos con sede en Madrid sinalaren que diversas comunidades autónomas estiman que o número de defuncións a causa da pandemia pode mesmo duplicar os datos oficiais.

A cuestión é que, tal e como recoñeceu na terza feira, 7 de abril, o ministro de Sanidade, Salvador Illa, no Estado español só se computan como mortes a causa da pandemia as daquelas persoas que fosen diagnosticadas de coronavirus. 

O vicepresidente de Madrid alertou de que as cifras que el mesmo comunicaba sobre a mortaldade no último mes eran "enganosas"

O propio vicepresidente da Comunidade de Madrid, Ignacio Aguado, alertou de que as cifras que el mesmo comunicaba sobre a mortaldade no último mes eran "enganosas", xa que "só se estaban a contabilizar as persoas que deran positivo nos tests e que logo faleceron", dixo.

Aguado, en rolda de prensa por videoconferencia, deu onte os datos oficiais sobre falecementos en marzo en residencias. Segundo esas cifras, 4.260 das 4.750 persoas que feneceron en marzo nos 710 centros públicos, privados e concertados da comunidade madrileña terían sido a causa de coronavirus.

Isto saberíase ben porque se lles diagnosticou a COVID-19, ben porque amosaron síntomas indicativos dela. Mais deses 4.750 falecementos, tan só 781 foron sometidos a tests e, por tanto, só estes últimos foron rexistrados oficialmente como mortes polo virus. 

Con este escándalo de cifras sobre a mesa, o Ministerio de Xustiza pide agora aos rexistros esclarecer as defuncións acontecidas desde o 14 de marzo, para aproximarse á cifra real de letalidade da COVID-19. 

Complicacións no reconto

O reconto de datos de defuncións que pide o Ministerio aos rexistros está a presentar dificultades debido ao reducido número de persoal que acode presencialmente ás oficinas polo estado de alarma, a que moitas das partidas de defunción non ofrecen información suficiente e debido a que o correo electrónico habilitado para remitir toda a información solicitada colapsou, segundo denunciou onte a Unión Progresista de Secretarios Xudiciais.

comentarios