O Ministerio de Sanidade prioriza as vacinas de Pfizer ou Moderna para as embarazadas

A Estratexia de Vacinación no Estado español, que xa vai pola sétima versión, sostén que non se detectaron riscos para inocular estes fármacos contra a Covid-19 ás mulleres nese estado e, polo tanto, indica que deben ser tratadas no grupo que lles corresponda.

Unha muller embarazada, nunha imaxe de arquivo. (Foto: UGR / Europa Press)
photo_camera Unha muller embarazada, nunha imaxe de arquivo. (Foto: UGR / Europa Press)

As embarazadas e mulleres no período de lactancia poderán ser tratadas contra o coronavirus con medicamentos ARNm, é dicir, os fabricados polas farmacéuticas Pfizer ou Moderna. Así o recomendou hoxe o Ministerio de Sanidade na sétima actualización da Estratexia de Vacinación.

O departamento do Goberno español considera que, malia que nos ensaios clínicos non se incluíron mulleres neste estado, “"en xeral, non se detectou un maior risco da Covid-19 grave por estar embarazada, máis aló das condicións de risco que presente a muller".

Os datos chegados de lugares do mundo como os Estados Unidos de América non indican que haxa efectos secundarios.

En concreto, o documento estatal alude a un estudo recentemente publicado que incluíu a 36.591 embarazadas que se vacinaron con remedios ARNm e no que non atoparon sinais de seguridade adversas.

En consecuencia, tampouco será preciso adiantar o tratamento das mulleres que vaian ter unha crianza. A vacina inocularase cando lle corresponda ao grupo de idade ou prioridade ao que pertenza cada persoa en particular.

Crianzas

Por outra parte, o texto recomenda adiantar o tratamento das nenas e nenos de 12 anos con condicións de alto risco porque agora a vacina de Pfizer xa foi autorizada para a poboación comprendida no grupo de idade entre os 12 e os 15 anos.

Porén, o resto de adolescentes “non se priorizarán neste momento”. "Os datos epidemiolóxicos en España amosan que as persoas de 50-59, 40-49 e 30-39 anos teñen un maior risco de hospitalización, ingreso en UCI e morte que os adolescentes e preadolescentes", argumenta o ministerio, que lembra que o persoal docente xa está tratado e iso estabelece un entorno controlado para as e os menores.

Comentarios