O Ministerio rexeita o reconfinamento que pide Asturies

O Ministerio de Saúde non ve polo de agora o confinamento domiciliario que pide o Goberno de Asturies. 
O ministro de Sanidade, Salvador Illa (Foto: J.Hellín / Europa Press)
photo_camera O ministro de Sanidade, Salvador Illa (Foto: J.Hellín / Europa Press)

O Goberno de Asturies decretou esta segunda feira, 2 de novembro, o fechamento de toda a actividade económica non esencial, incluída a hostalaría, e pediu ao Ministerio de Sanidade que se aprobe un confinamento domiciliario "suave" de 15 días na comunidade, similar ao da Fase 1 do desconfinamento. Así o decidiu o comité de seguimento da Covid-19 asturiano cunha resolución que se publica esta terza e que entrará en vigor a cuarta feira por un prazo de dúas semanas.

Así mesmo decidiuse que o recoller obrigatorio quede fixado ás 22 horas. 

O conselleiro de Saúde, Pablo Fernández, indicou que "se estiver na súa capacidade, o Principado estaría a decretar xa o confinamento domiciliario" e sinalou que non poden agardar a que o Ministerio tome a decisión, motivo polo que decretaron o feche de toda actividade non esencial.

De facto, o Ministerio reunirase esta terza con Asturies, mais o titular de Sanidade español, Salvador Illa, xa avanzou que polo de agora non se contempla ese escenario de confinamento domiciliario e pediu marxe de tempo para ver o resultado das medidas actualmente implantadas nas comunidades. "O abano de medidas que están a disposición das autoridades das comunidades para poder actuar é suficiente", dixo o ministro. 

Precisamente, na fin de semana o Goberno de Melilla pediu tamén ao Ministerio habilitar "coa maior brevidade posíbel os mecanismos legais necesarios" para pór en marcha o confinamento domiciliario.

Pola súa banda, Salvador Illa insistiu en "non entrar nunha especie de competición para ver quen toma a medida máis dura". 

O ministro ademais aventurou esta segunda feira no transcurso dunha conferencia telemática, que, a comezos de 2021 "ou a finais deste ano, se as cousas van moi ben", disporase da primeira remesa de vacinas no Estado contra a Covid-19, aínda que Illa apostilou que haberá que "seguir convivindo" co virus até maio. 

Comentarios