O Ministerio de Interior cesou De los Cobos por non o informar do relatorio do 8-M

Unha nota interna da directora da Garda Civil filtrada contradí a versión do ministro Grande-Marlaska, que xustificara o cesamento do coronel De los Cobos por mor dunha reestruturación do corpo "máis ampla". A nota revela que a destitución do coronel foi por este non ter informado das investigacións sobre o 8 de marzo. 
O Coronel Diego de los Cobos, acudindo como testemuña ao xuízo contra o procés de Catalunya (Imaxe Europa Press)
photo_camera O Coronel Diego de los Cobos, acudindo como testemuña ao xuízo contra o procés de Catalunya (Imaxe Europa Press)

O Ministerio de Interior insistiu a semana pasada en que o cese do coronel da Garda Civil Diego Pérez de los Cobos se debía a unha "reestruturación máis ampla" do corpo e intentou non relacionalo como unha consecuencia do informe que a benemérita redactou cheo de erros para inculpar o 8-M como factor de propagación do coronavirus en Madrid.

Porén, o Ministerio acabou recoñecendo esta terza feira, 2 de xuño, que o cese do coronel si se debeu a unha "perda de confianza" por este non ter comunicado as actuacións da benemérita sobre a investigación xudicial, mais nunca polo feito de non ter transmitido o contido do propio informe. De facto, a xuíza que leva o caso exixiu á benemérita que só lle informase a ela do resultado das investigacións. 

O cambio de versión no Ministerio que dirixe Fernando Grande-Marlaska debeuse a que esta terza feira transcendeu unha comunicación interna da directora da Garda Civil, María Gámez, enviada á Secretaría de Estado de Seguridade para o cesamento do coronel De los Cobos, a causa dunha "perda de confianza da Dirección Xeral e do Equipo de Dirección do Ministerio de Interior por non informar do desenvolvemento de investigacións e actuacións da Garda Civil, no marco operativo da Policía Xudicial, con fins de coñecemento". A nota interna publicouna o  portal español El Confidencial.

A Portavoz do Executivo estatal, María Jesús Montero, negou que houbese "ningún tipo de contradición" entre o que dixo o ministro do Interior e o contido da nota reservada.

Piden a demisión

"O ministro  Marlaska conta con todo o apoio do Goberno de España e do presidente", afirmou a portavoz Montero. Ciudadanos, Vox e o Partido Popular exixiron na terza feira a dimisión "inmediata" do titular de Interior.  

Marlaska xustifica o cese do coronel pola filtración do documento da benemérita

No pleno de no Senado, que decorreu na terza, 2 de xuño, o ministro Fernando Grande-Marlaska asegurou que non pensa dimitir polo cesamento do coronel Diego Pérez de los Cobos e xustificou que a directora da Garda Civil, María Gámez, se interesase polo informe da benemérita sobre o 8 de marzo ao ter constancia de que houbo unha filtración a un medio de comunicación.

Desta maneira, Marlaska saíu ao paso das acusacións que sinalan que Gámez chamou De los Cobos para preguntarlle polo informe. O titular de Interior afirmou na Cámara Alta que "da quinta á sexta feira (en relación ao 18 e 19 de maio) ese informe foi filtrado nada máis ser entregado no xulgado, a un medio de comunicación".

O ministro Marlaska sinalou que iso preocupou á directora da Garda Civil e que, por tanto, ela mesma requiriu "que se lle informase do que pasaba". "Unha filtración é un delito de descubrimento de segredos", resaltou o ministro ao ser instado a presentar a súa dimisión polo senador do Partido Popular, Fernando Martínez-Maíllo. 

Comentarios