No mínimo 3 mortos e 15 feridos nun ataque en Viena que o Goberno austríaco cualifica de "terrorista"

Un grupo de persoas dispararon até en 6 emprazamentos diferentes na contorna dunha sinagoga na capital austríaca. O ministro do Interior apunta a un ataque terrorista e recomenda á poboación que hoxe permaneza en casa. 
Ataque terrorista en Viena Roland Schlager APA europa press
photo_camera Ataque terrorista en Viena ( Foto: Roland Schlager APA Europa Press)

No mínimo tres persoas mortas, dous civís e un presunto terrorista, e unha quincena feridas é o balanzo provisional a primeira hora desta terza feira do "ataque terrorista" que na noite pasada tivo lugar no centro de Viena, na Seitenstettengasse, unha rúa próxima a unha Sinagoga. 

O ministro do Interior de Austria,  Karl  Nehammer, confirmou que varios agresores que portaban armas longas lanzaron os ataques en serie. Nun vídeo apréciase un deles correndo e disparando nunha pequena rúa.

Segundo fontes policiais o ataque foi coordinado e empezou sobre as oito do serán

Segundo confirmou a  policia, un dos agresores estaría morto tras ser abatido por un axente. As vítimas, confirmadas polo Ministerio do Interior e o alcalde da cidade, son dous civís mortos.

A primeira das vítimas morreu no lugar do ataque, mentres que a segunda -unha muller- faleceu posteriormente no hospital, segundo informou o alcalde da cidade, Michael  Ludwig. Hai unha quincena de feridos, deles sete de gravidade. 

O chanceler  austriaco,  Sebastian  Kurz, cualificou a acción que decorreu en seis puntos diferentes da cidade como un " repulsivo ataque terrorista".

Afirmou que o ataque parecía “ben preparado” e informou de que unidades do Exército despregáronse para a protección de edificios mentres continúa a operación. As forzas de seguridade céntranse en atopar ao resto de atacantes e chama á prudencia da poboación, recomendando mesmo que os nenos e nenas non vaian hoxe á escola. 

Desde Interior traballan sobre a liña do carácter antisemita do atentado e mesmo se apuntou que o atacante morto era simpatizante do Estado Islámico. 

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios