Militares españois poderían ter enfermado da COVID-19 en outubro

Varios deportistas do Exército español que participaron entre o 18 e o 27 de outubro nos VII Xogos Mundiais Militares en Wuhan, na China, terían enfermado con síntomas similares aos da COVID-19 durante o desenvolvemento do evento e ao regresaren ao Estado español.
 
Militares
photo_camera Deportistas nos Xogos Militares Mudiais de outubro en Wuhan (Imaxe: Flickr do Ministerio de Defensa)

Dous deportistas militares españois, canda menos, amosaron síntomas compatíbeis co coronavirus durante a súa participación nos VII Xogos Mundiais Militares que decorreron en outubro na cidade chinesa de Wuhan, lugar onde se descubriu a COVID-19 por vez primeira.

Outros dous uniformados, polo menos, da Academia Básica do Aire de León, amosaron doenzas semellantes logo de regresaren ao Estado español, xa en novembro.

Nese mesmo centro de León rexistrouse en xaneiro un pico de casos de gripe e ducias de militares tiveron que acudir á consulta médica. Tamén nesas datas e na mesma academia deuse un caso de pneumonía dun uniformado que xa pasara a gripe. En Andalucía, outro militar que estivera nos Xogos de  Wuhan sufriu unha forte gripe que lle xerou problemas respiratorios durante dous meses.

Así o revelaron á axencia pública Efe varias fontes "directas e indirectas", baixo a condición de respectar o seu anonimato, tal e como sinalan.

Os xogos decorreron 65 días antes de que a Organización Mundial da Saúde alertase do descubrimento do novo tipo de coronavirus. Os participantes regresaron ao Estado español nos días posteriores á clausura do evento, o 27 de outubro, en avións comerciais. A axencia sinala que nin aos dous deportistas enfermados en Wuhan nin aos dous que en León amosaron síntomas se lles realizaron probas da COVID-19posteriormente. Segundo recolle Efe, fontes do Ministerio de Defensa sinalaron á axencia pública que non tiveron coñecemento de que ningún dos participantes nos xogos tivese síntomas do coronavirus. 

Esta mesma semana os medios franceses desvelaban que varios deportistas da delegación gala que viaxou aos Xogos Militares de Wuhan estiveron enfermos con síntomas similares aos do coronavirus ao seu regreso da China. Coa identidade agochada, un dos militares franceses nos Xogos deixou o seu testemuño no canle informativo de televisión BFM TV. O militar relatou como ao regresar do continente asiático comezou a ter febre, dificultades para respirar e para poder moverse da cama durante varios días.

Ao inicio desta semana, médicas francesas amosaban as súas sospeitas sobre a posibilidade de que o virus xa estivese en circulación no seu Estado desde o pasado mes de decembro. 

Comentarios