A militancia de ERC avala a dirección para negociar co PSOE

A participación na consulta interna foi de 70% do censo, composto por 8.500 persoas con dereito a voto

ERC
photo_camera Marta Vilalta, portavoz de Esquerra, dando a coñecer os resultados da consulta (ERC)

A militancia de ERC avalou a dirección do partido independentista para que explore unha negociación co PSOE para a investidura de Pedro Sánchez. Un voto das bases que tamén significa que se as socialistas non aceptan unha mesa de negociación, as republicanas premerán o botón do non na investidura de Sánchez.

94,6% das afiliadas de ERC votaron si na consulta interna que se celebrou esta segunda feira e na que participou 70% do censo de 8.500 persoas con dereito a voto. 5,4% votou non.

A pregunta formulada era: “Estás de acordo en rexeitar a investidura de Pedro Sánchez se previamente non hai un acordo para abordar o conflito político co Estado a través dunha mesa de negociación?”. Coa vitoria do si, a dirección de ERC interpreta que ten o mandato das bases para negociar co PSOE e, de se dar as condicións, votar si á investidura de Sáchez.

Esquerra reclama unha mesa de negociación sobre Catalunya que teña catro eixos, segundo o coordinador nacional de ERC, Pere Aragonès, explicitou este domingo: unha mesa de goberno a goberno, sen condicións previas; e na que se poida falar de autodeterminación e de presos; que se fixe un calendario a cumprir. Por último, os acordos deben de ser validados nunha consulta.


 

Comentarios