Miles de voces reclaman desde Bilbo a independencia de Euskal Herria

Nunha data sinalada, a marcha convocada por EH Bildu pide a independencia de Euskal Herria entre mensaxes antifascistas.
Cabeceira da manifestación a prol da independencia vasca. (Foto: Marcel Pena)
photo_camera Cabeceira da manifestación a prol da independencia vasca. (Foto: Marcel Pena)

Milleiros de persoas percorreron na tarde do sábado a distancia entre a praza da Casilla e o Concello de Bilbo (Euskadi) convocadas por EH Bildu, reivindicando a independencia de Euskal Herria para crear unha República vasca de “libres e iguais”.

A data, 20 de novembro, é sinalada para a esquerda abertzale. Un día coma este sábado en 1975 o ditador Francisco Franco morría na súa cama, e máis en 1984 e 1989 o terrorismo de Estado español acababa coas vidas de Santi Brouard e Josu Muguruza.

En homenaxe aos militantes abertzales, realizouse unha ofrenda floral pola mañá, antes do acto de conmemoración, o Egiari Zor, ao que se achegaron centos de persoas.

Ademais da representación do Bloque Nacionalista Galego, Esquerra Republicana de Catalunya, as Candidatura d’Unitat Popular, Més per Mallorca e Andecha Astur, en solidariedade internacionalista, arredor de 80 autobuses desprazáronse doutras partes do territorio para apoiar o lema da marcha, “Lortu arte”, en galego, "até o conseguir".

Edurne Brouad, filla do dirixente abertzale asasinado polos GAL; Mertxe Aizpurua e Bakartxo Ruiz, voceiras de EH Bildu no Congreso e o Parlamento de Nafarroa; Maddalen Iriarte, voceira no lexislativo de Euskadi, e Arnaldo Otegi, coordinador xeral do partido, portaron a pancarta que abriu a mobilización.

Oportunidade de reencontro

A comitiva avanzou entre berros pola independencia, mensaxes antifascistas ou a prol da liberdade dos presos, acompañados de ikurriñas e bandeiras de Nafarroa con lemas a prol da independencia.

O evento tamén foi unha oportunidade de reencontro entre a militancia de EH Bildu que aínda está recuperando a actividade que freou de súpeto en marzo de 2020, coa aparición da pandemia de Covid-19, sinalan medios vascos, salientando a omnipresenza do virus na marcha, onde se reiteraba a necesidade de camiñar coa máscara e que, “unha vez máis, o coidado mutuo é a mellor ferramenta dos soberanistas de esquerda”.

Comentarios