“Democracia e respecto para o pobo corso”: miles de persoas saíron á rúa en Córsega contra o inmobilismo de París

corsega

Miles de persoas manifestáronse en Ajaccio baixo o lema “Democracia e respecto para o pobo corso” para denunciar o inmobilismo de Emmanuel Macron sobre un novo estatus político para Córsega. Por volta de 15.000 persoas - segundo os rganizadores -  percorreron a cidade para pedir a París que negocie co goberno corso un novo estatus político, xa non val a simple descentralización administrativa.

En decembro de 2015 o nacionalismo pasaba a gobernar por na illa primeira vez na historia. A coligazón entre autonomistas, nacionalistas e independentistas ‘Pe a Corsica’ gañara as eleccións. Nos comicios de decembro de 2017 volvía vencer nas urnas, desta vez cun apoio de 56% dos votos e 48 de 63 escanos. Lonxe ficaba aquel primeiro parlamento corso, escollido en agosto de 1982, e onde as candidaturas corsas obtiveran 12% dos sufraxios e 8 escanos.  

Córsega demanda un diálogo con París sen liñas vermellas nin concidicóns previas, unha revisión constitucional para que non se impida un novo estatus político para a illa, o aumento do autogoberno e reforzo dos medios dispoñíbeis para exercelo na Colectividade Territorial Corsa. Ao tempo, reclama a cooficialidade do corso e o achegamento de todos os presos independentistas.

Macron viaxa esta semana a Córsega. Vai ser a súa primeira visita oficial a esta illa na que a súa candidatura apenas logrou apoio nas eleccións xerais. A lista que varreu do mapa en Francia a socialdemócratas e republicanos bateu en Córsega co soberanismo: dos 4 escanos que na illa se elixen para a Asemblea francesa, a lista de Macron só foi quen de obter 1, os outros 3 foron para os nacionalistas corsos. En apenas dous anos unha candidatura unitaria do complexo mapa do nacionalismo corso conquistou o goberno da illa (2015) e obtivo 3 dos 4 deputados que se elixían por este territorio para a Asemblea francesa (2017). París xa non oculta que mira con preocupación.

Comentarios