Miles de persoas saen á rúa en Catalunya para pedir “llibertat presos polítics”

Concentracións diante das casas de concello de numerosas cidades e vilas cataláns. Convócase para o 12 de novembro unha gran mobilización nacional. Intersindical-CSC convoca unha greve xeral.

Vic Catalunya

Ducias de miles de persoas saíron na tarde desta quinta feira ás rúas e prazas de Catalunya para protestar polo encarceramento de 8 membros do Govern catalá e exixir a súa liberdade. As concentracións estaban convocadas para pedir a liberdade dos Jordis mais a decisión da AN converteunas nun acto en apoio aos consellers encarcerados. En Vic ou Tarragona concentráronse máis de 6.000 persoas en cada unha, segundo cálculos de medios cataláns. En Barcelona, 20.000 e en Girona máis de 15.000. Porén, as mobilizacións decorreron en ducias de localidades, con afluencias diversas, desde as máis de 1.000 de Berga ás 300 de Solsona ou as 4.000 de Terrassa.

DNpZM7qX0AEcglH

“Llibertat presos politics” foi a palabra de orde das mobilizacións, nas que se estendeu o chamamento a tomar parte o vindeiro 12 de novembro nunha gran manifestación nacional para pedir a liberdade das detidas.

Greve xeral

O sindicato Intersindical-CSC chamou a unha greve xeral en Catalunya para a vindiera semana. Se ben aínda non se coñecen nin a data nin os detalles do paro, estas faranse públicos esta sexta feira. Había rexistrado un preaviso para facer a greve do 30 de outubro ao 9 de novembro.