Miles de persoas saen á rúa en Catalunya contra a detención de Puigdemont

Diferentes convocatorias ao longo do territorio catalán volven rexeitar as medidas represivas contra os líderes independentistas.

manifestación catalunya puigdemont
photo_camera manifestación catalunya puigdemont

Miles de persoas participan ao longo da tarde nas diferentes mobilizacións convocadas en Catalunya para protestar pola detención de Carles Puigdemont e reivindicar a liberdade dos líderes independentistas presos. A Assemblea Nacional convocou unha manifestación en Barcelona á que se sumou Omnium Cultural e outros colectivos. Miles de persoas percorreron as rúas da cidade condal tras a faixa na que se demandaba “Liberdade presos políticos”.

Ademais, centos de persoas rodearon a delegación do goberno español, protexida por ducias de antidusturbios dos Mossos, que cargaron contra as manifestantes que tentaban cruzar o cordón policial. 

As cargas policiais sáldanse con 3 persoas detidas e 52 feridas

Tamén hai concentracións e mobilizacións convocadas polos CDR, os comités de defensa da república, en diferentes puntos de Catalunya e que se desenvolven ao longo da tarde deste domingo. As consignas demandando a liberdade dos independentistas presos combinábanse cos chamados a unha “greve xeral” ou as de “Esta Europa é unha vergoña” ou “Puigdemont, o noso president”.

Miles de persoas concéntranse desde primeira hora da tarde en Girona, cidade da que Puigdemont foi alcalde. Os organziadores desta mobilización cifraban en máis de 9.000 as participantes na concentración fronte á Subdelegación do goberno español.

Importante mobilización en Lleida, onde case 3.000 persoas se mobilizaron diante da subdelegación do goberno español e onde a policía autonómica chegou a cargar contra algúns manifestantes.

En diferentes puntos do territorio catalán, os manifestantes cortaron estradas e vías de acceso, así comomo pasos fronteirizos como o de Puigcerdà, como protesto contra a vaga represiva. 

Comentarios