Miles de persoas participan en Glasgow nunha multitudinaria marcha pola independencia de Escocia

A organización fala de 80.000 participantes.

escocia independencia manifestación
photo_camera Imaxe: AUOB

‘Independence now’ (Independencia agora) era a palabra de orde que presidía a marcha que este fin de semana percorreu Glasgow a favor da independencia de Escocia e na que tomaron parte miles de persoas. Segundo portais como ‘Nationalia’, a manifestación reuniu 80.000 persoas, unha cifra que outras fontes rebaixan a 35.000.

En todo caso, a afluencia á manifestación é moi superior á de anos anteriores (20.000 persoas en 2017) e cumpre as expectativas da organización All Under One Banner’, que prevía reunir perto de 40.000 manifestantes. A marcha transcorreu nun ambiente festivo e reivindicativo, entre miles de ‘saltires’ (bandeiras escocesas) e do antigo Reino de Escocia. 

Neil MacKay, unha das persoas coordenadoras, afirma que a intención é manter as mobilizacións e marchas “até que Escocia sexa libre" e di que o movemento está aberto a "todos aqueles que desexen vivir nunha nación independente".

Este movemento pula pola convocatoria dun novo referendo de autodeterminación en Escocia ao entender que o 'Brexit' no que apostaron nas urnas a maioría dos ingleses, mais non dos escoceses, cambiou as tornas. Confían en que ese referendo independentista teña lugar antes de 2021. 

Comentarios