#Indywales

Miles de persoas maniféstanse en Cardiff a favor da independencia de Gales 

Convocada pola organización All Under One Banner (AUOB) Cymru contou co apoio de diferentes entidades e plataformas cidadáns e organizacións políticas.

gales cymru

Miles de persoas manifestáronse este sábado en Caerdydd (Cardiff en galés) en defensa da independencia de Gales. Annibyniaeth (Independencia) era o lema na faixa de inicio da mobilización. Procedentes de diferentes zonas do país, reuníronse en City Hall, desde onde marcharon nun ambiente festivo e reivindicativo, pasando por diferentes rúas da capital galesa, reclamando a soberanía para este país, que desde 1998 ten un sistema limitado de autogoberno. Era a primeira gran marcha #IndyWales, en referencia ao cancelo que aglutina as iniciativas e movementos independentistas galeses. A noticia tivo repercusión nos medios británicos: Thousands march in Cardiff calling for Welsh independence, titulaban en The Guardian. Hundred join welsh independence rally, informaban na BBC.


Llywelyn ap Gwilym, portavoz da organización convocante, AUOB, recoñeceu que após o resultado do referendo sobre o Brexit “intesificouse” na sociedade galesa o debate sobre o futuro do seu país. Afirmou que aumenta a idea de que os galeses e galesas estarían mellor se Gales fose unha nación independente, e explicou que con actos como a manifestación do sábado queren que se visibilice esa demanda e que se dea un debate en torno a ela.

"O independentismo galés sae por fin do armario", parabenizábanse nas redes sociais as independentistas


Nesta liña, defenden a independencia tamén como unha vía para enfrontar os recortes impostos desde Londres e garantir un estado do benestar real en Gales. Afirman que todas as décadas de goberno desdea capital británica implicou para este país recortes, pobreza e falla de investimentos.


A organización cifrou en máis de dúas mil persoas as que tomaron parte na marcha, entre elas líderes do Plaid Cymru, o principal partido soberanista galés, que ten 10 dos 60 escanos da Asemblea Nacional Galesa, catro deputados e deputadas na Cámara dos Comúns británica e un europarlamentar. O seu líder, Adam Price, afirmou que “durante anos” o “noso desexo” dun Gales independente víano como algo lonxano e case imposíbel. Mais, apuntou, está a haber mudanzas na sociedade, “as mobilizacións aumentan e as voces [a prol da independencia] son cada vez máis altas”.

Comentarios