Miles de persoas evacuadas por un gran incendio ás portas de Atenas

Evacuados dous hospitais, un fogar infantil e dous mosteiros

EuropaPress_6155284_11_august_2024_greece_varnavas_residents_watch_the_fire_near_their_homes_as (1)
photo_camera O incnedio avanza a grande velocidade (Foto: DPA / Europa Press)

Lapas de máis de 25 metros de altura asolaron a segunda feira o nordés da metrópole de Atenas, a capital grega, após a rápida expansión dun lume que comezou o domingo en Varnava, unha localidade situada 32 km ao norte de Atenas, e que formou unha fronte de 30 km.

Yannis Zounis, o vicealcalde de Penteli, o limiar a partir do que se desenvolve a área urbana, indicou que o incendio alcanzou a praza central da vila, apuntando que desde 1998 non enfrontaban unha situación tan grave por causa do lume.

Asemade, algunhas casas que se atopan dispersas na zona foron alcanzadas polas chamas, mentres que un equipo especial da Policía rescatou decenas de persoas que se atopaban atrapadas nuns 25 coches tratando de fuxir do lume, informou o portal News247.

O incendio espallouse por mor dos fortes ventos e da seca, nun ano especialmente cálido para o país e tras sucesivas ondas de calor. O incremento da intensidade e a redución da periodicidade destes fenómenos están relacionadas co cambio climático, que xa fora determinante na vaga de lumes que padeceu Grecia o pasado ano, na que máis de 20 persoas perderon a vida. A metade do territorio grego está en alerta vermella, o nivel máis alto de risco de incendio, no que permanecerá cando menos até o 15 de agosto.

A axencia AP informou de que en varias partes da capital,  onde foron atendidas varias persoas por problemas respiratorios, producíronse cortes de electricidade que afectaron aos semáforos nos principais cruces do centro da urbe.

Como mínimo 35.000 persoas foron evacuadas perante o avance do lume nunha vintena de localidades, ademais dun hospital infantil e outro militar, un fogar infantil e dous mosteiros.

En paralelo á loita de 685 bombeiros para frear un incendio que arrasou con múltiples casas, 88 soldados foron enviados á zona para colaborar nos esforzos e o Executivo conservador reclamou axuda á Unión Europea.

Comentarios