Uns mil homes, coordenados en grupos, acosaron sexualmente mulleres en Noitevella no centro de Colonia, Alemaña

O xefe da Policía recoñece “delitos sexuais de forma masiva” e anuncia un equipo especial para investigar os feitos.

estacion tren Colonia
photo_camera Estación de comboios de Colonia

Grupos coordenados de homes, sobre uns mil, acosaron sexualmente ducias de mulleres na Noitevella no centro da cidade alemá de Colonia, segundo informou a policía xermana. Os varóns congregáronse nas proximidades da estación de comboios de Colonia e aproveitando as celebracións de Fin de Ano, organizáronse en grupos e cometeron “delitos sexuais de forma masiva” e, como mínimo, unha violación, sinalan as forzas de seguridade, ademais de roubos masivos. Xa se presentaron 90 denuncias en Comisaría por estes feitos, mais a policía considera que esa cifra vai ir en aumento.

Wolfgang Albers, xefe de Policía, recoñeceu que eran delitos “dunha dimensión totalmente nova”. O ministro de Xustiza alemán, Heiko Mas, exixiu que se investigase se estabamos perante “unha nova forma de criminalidade organizada”. O ministro dixo que houbo homes que agrediron sexualmente mulleres e outros que “sen participar activamente, formaron corredores para que non puidesen fuxir”.

O Ministro do Interior, T. Maiziere, solicitou que non se fagan "elucubracións perigosas e inxustas" asociando agresores con refuxiados, despois de que algunhas voces indicasen que eran "árabes ou do norte de África", algo que non se confirmou oficialmente. 

A Policía informou que creou un grupo especial para investigar estes feitos que, unha vez que saíron á luz, deron pé a que desde Hamburgo tamén aparecesen denuncias de mulleres que foron vítimas de “tocamentos” após ser rodeadas por grupos de homes.

Comentarios