martes 19/01/21

Mike Pence non descartaría destituír Donald Trump

Segundo sosteñen medios estadounidenses o vicepresidente Mike Pence non descarta invocar a 25ª emenda para destituír Donald Trump en caso de que a conduta do mandatario saínte torne máis inestábel nos días que faltan até a toma de posesión de Joe Biden.

Donald Trump (Sean Meyers / Europa Press).
Donald Trump (Sean Meyers / Europa Press).

O vicepresidente dos Estados Unidos de América (EUA), Mike Pence, non descarta invocar a 25ª emenda para destituír Donald Trump en caso de que  a conduta do magnate sexa máis inestábel nos días que faltan até que o demócrata Joe Biden tome posesión como novo presidente dos EUA, un acto previsto para o 20 de xaneiro. Así o avanzou a canle CNN, aludindo fontes achegadas a Pence.

Segundo esas fontes, témese que Trump poida tomar decisións que poderían pór en situación de risco os EUA nos días previos á toma de posesión de Biden. Aliás, indícase que Pence e Trump non falan desde o asalto ao Capitolio polos seguidores do magnate o pasado 6 de xaneiro.

Pola súa banda, Pence informou que como actual vicepresidente asistirá á toma de posesión de Joe  Biden. Quen non o fará é Donald Trump, segundo informou el mesmo a pasada sexta, saltando así a tradición estadounidense na sucesión. 

O ' impeachment' contra Trump toma forma e presentarase esta segunda feira

O ' impeachment' das e dos congresistas demócratas contra o presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, segue tomando forma e presentarase esta segunda feira, 11 de xaneiro, ante a Cámara dos Representantes, segundo anunciou en Twitter un dos congresistas demócratas implicados.

"Presentaremos o artigo de Impeachment esta segunda feira durante a sesión pro forma da Cámara", publicou o congresista demócrata por  California, Ted Lieu. Nunha entrevista en CNN,  Lieu pediu a dimisión de Trump e xustificou a apertura do proceso de destitución como unha medida disuasoria para evitar que o presidente faga "algo mesmo máis tolo".

comentarios