Eleito presidente de Cuba con 99,83 por cento dos votos

Díaz-Canel: "Aquí non hai espazo para unha transición que destrúa a obra da Revolución"

Consumado o relevo, Miguel Díaz-Canel, de 57 anos, é xa o novo presidente de Cuba. No seu discurso de asunción do cargo, deixou clara a súa vontade de partillar o liderado con Raúl Castro, quen até 2021 continuará á fronte da secretaría xeral do Partido Comunista de Cuba.

Dos 604 parlamentares da Asemblea Nacional do Poder Popular -o maior órgao lexislativo do país- Miguel Díaz-Canel obtivo 603 sufraxios, 99,83 por cento. En Cuba o parlamento non só elixe o titular do executivo, senón tamén os seus vicepresidentes, até un total de 6 neste caso. Cinco deles obtiveron o pleno de votos -604, 1 máis que Díaz-Canel. Son Salvador Valdés, primeiro vicepresidente; Ramiro Valdés, de 85 anos, comandante de Sierra Maestra; Roberto Tomás; Gladys María Bejerano Portela e Inés María Chapman. Beatriz Johnson, en troca, conseguiu os mesmos votos que o flamante líder cubano, 603.

No seu primeiro discurso como presidente, Díaz-Canel enfatizou a súa vocación continuista: "Asumo a responsabilidade coa convicción de que todos os revolucionarios seremos fieis a Fidel e a Raúl", dixo. A súa lealdade ao legado da xeración fundadora da Cuba socialista ficou patente ao se referir ao menor dos Castro, xa ex presidente, como "líder actual do proceso revolucionario". Esta declaración, lonxe de ser retórica, mostra até que ponto Díaz-Canel vai ter en conta os criterios do dirixente histórico, no mínimo até 2021, ano en que conclúe o mandato deste como máximo dirixente do PCC.

Díaz-Canel tamén enviou un recado nidio para as potenciais occidentais. Que non vexan nel un novo Gorbachov:  "Aquí non hai espazo para unha transición que desconeza ou destrúa a obra da Revolución. Seguiremos adiante sen medo e sen retrocesos; sen renunciar á nosa soberanía, independencia e programas de desenvolvimento, sen renunciar aos nosos soños".

"Nesta lexislatura [a que agora comeza na Asemblea Nacional do Poder Popular eleita nos comicios de marzo] non haberá espazo para os que aspiran a unha restauración capitalista. Esta lexislatura defenderá a Revolución e continuará o aperfeizoamento do socialismo", afirmou. 

Comentarios