México descúlpase oficialmente ante as vítimas da matanza de 1997 en Chiapas

Hai 23 anos a aldea mexicana de Acteal, no Estado de Chiapas, viviu un dos máis sanguentos episodios de violencia por parte do Estado no marco da estratexia do Goberno para acabar co Exército Zapatista. 45 persoas membros de Las Abejas, un grupo cristián e antineoliberal, foron vítimas colaterais daquela guerra sucia.
abejas_actealorg_1
photo_camera Nenas tzotzil portan cruces cos nomes dos asasinados o 22 de decembro de 1997 na aldea de Acteal (acteal.org)

A matanza comezou no momento en que 90 homes armados e enmascarados irromperon nunha igrexa e abriron fogo a discreción. Os que lograron fuxir foron perseguidos durante horas polos canóns e bosques frondosos característicos da rexión de Los Altos. A tan só 200 metros dun retén da Policía, aquel 22 de decembro de 1997, na aldea de Acteal, no municipio de Chenalhó, Estado mexicano de Chiapas, un total de 45 persoas foron masacradas: 21 mulleres ─4 destas embarazadas─, 15 menores ─entre estes un bebé─ e 9 homes. Todos, vítimas e vitimarios, indíxenas tzotzil.

Agora, 23 anos despois, o Estado mexicano asumiu finalmente a súa responsabilidade, ofreceu desculpas públicas ás vítimas e comprometeuse a reparar os danos con compensacións económicas para os superviventes e os familiares das vítimas.  

A matanza de Acteal está gravada na historia recente de México como símbolo dos problemas endémicos que, aínda hoxe, sofren as poboacións orixinarias en todo o país e máis concretamente en Chiapas, un Estado onde a pobreza, a discriminación e a corrupción política están enquistadas. 

Las Abejas e o EZLN

Foi naquela década de 1990 que, ante os continuos abusos, as comunidades indíxenas da rexión comezaron a se organizar.

As vítimas de Acteal eran membros de Las Abejas, unha organización civil cristiá, autodefinida como pacifista e oposta ao neoliberalismo, ao que culpaban da súa situación socieconómica. Foi fundada en 1992 tras o encarceramento na cidade próxima de San Cristóbal de las Casas de varios membros da comunidade. Unha marcha entre as dúas localidades, á que se foron unindo outros grupos cristiáns polo camiño, logrou a súa liberación.  

Meses despois, o 1 de xaneiro de 1994, o Exército Zapatista de Liberación Nacional (EZLN) iniciaba unha insurrección armada no Estado de Chiapas. O grupo de Las Abejas solidarizouse cos principios e cos fins do levantamento zapatista, mais non así cos medios, baseados na violencia. 

"A matanza de Acteal foi unha operación de guerra. E como tal, un crime de Estado", escribía anos despois Carlos Fazio, un dos principais expertos en asuntos políticos, militares e relixiosos de América Latina. O masacre "deu inicio a unha nova fase da guerra de baixa intensidade do réxime de Ernesto Zedillo [presidente de México entre 1994 e 2000] contra o EZLN, as súas bases de apoio comunitarias e os seus aliados civís", explicaba.

O obxectivo era illar o EZLN da poboación civil. Destruír a súa estrutura política e militar a través de "operacións de intelixencia, psicolóxicas e de control da poboación" coa organización de forzas de autodefensa e doutras organizacións paramilitares, "tarefas que quedaban a cargo de instrutores do Exército". 

Guerra sucia

O ataque a Las Abejas, no medio dos dous bandos enfrontados militarmente, enmárcase nesta estratexia. De feito, na altura o Goberno mexicano atribuíu a matanza a un conflito territorial e relixioso entre indíxenas. Porén, as evidencias demostraron os vínculos dos asasinos co Goberno do Partido Revolucionario Institucional (PRI), formación gobernante en México durante 60 anos consecutivos, de 1930 a 2000.

As detencións comenzaron pouco despois, aínda que foi en 2006 cando ducias de sospeitosos foron arrestados e, un ano despois, máis de 70 condenados a penas de até 25 anos. Porén, a Suprema Corte anulou en agosto de 2009 as sentenzas de prisión para unha vintena dos reos.

"Demandamos que se xulgue a Ernesto Zedillo porque facer xustiza no máis alto nivel do Goberno é unha forma de garantir a non repetición dos feitos", pediu Fernando Luna, un dos superviventes da matanza, no acto desenvolvido na quinta feira na sede da secretaría de Goberno, onde o actual Executivo asinou o acordo de solución amistosa, coa Comisión Interamericana de Dereitos Humanos (CIDH) como testemuña.

O subsecretario Alejandro Encinas sinalou que o masacre fora "a expresión dun Estado anquilosado e alleo aos dereitos e intereses da comunidade". "Facémolo con convicción e sen condicións; facémolo porque as omisións e neglixencias do Estado mexicano arrincaron a esperanza a 45 persoas", engadiu.

As asociacións de vítimas de Acteal, divididas

O perdón oficial chega tras o acordo alcanzado o pasado 17 de xuño entre o Goberno e o Consello Pacifista de Las Abejas, que engloba 18 falecidos e 12 superviventes. "Este grupo de superviventes [...] xa non son membros de Las Abejas de Acteal, aclarámolo xa varias veces", matizaba na altura ─en declaracións a La Jornada─ a organización orixinal, a Sociedade Civil de Las Abejas. Esta non acepta o acordo de solución amistosa nin a reparación económica, a máis alta nos estándares da CIDH, xa que prefire agardar a que o organismo internacional emita o informe definitivo.

Las Abejas cuestionou o acto de recoñecemento dado que non están representados na súa totalidade "os 45 irmáns e irmás nosos, mais os 4 bebés non nados". E preguntábase: "Estará presente o Exército mexicano tamén, para asumir a súa responsabilidade na creación, adestramento, dotación de armas aos paramilitares do uso exclusivo do Exército mexicano e do deseño do Plan de Campaña Chiapas 94?".

Comentarios