México denuncia complicidade da Organización de Estados Americanos no golpe de Estado en Bolivia

México ofreceu asilo ao presidente Evo Morales en novembro de 2019, cando se produciu o golpe de Estado que sacou do poder o presidente electo. 
Evo Morales (Foto: Europa Press).
photo_camera Evo Morales (Foto: Europa Press).

O secretario de Relacións Exteriores de México, Marcelo Ebrard, responsabilizou a Organización de Estados Americanos (OEA) como principal promotora do golpe de Estado en Bolivia en novembro de 2019.

Así o expresou Ebrad durante a presentación do libro Evo, operación rescate, no cal o mexicano recordou as peripecias do traslado do derrocado mandatario boliviano e a súa chegada a México.

Ebrard reiterou  que o centro da política exterior de México é a defensa da democracia e asegurou que os golpes de Estado non se permitirán na rexión de América Latina e o Caribe.

“Aquí o interesante é que o principal promotor e participante neste golpe é a Organización de Estados Americanos e non imos a un rescate para a defensa de alguén afín ideoloxicamente, senón que imos defender Evo e o proceso democrático en Bolivia”.

O libro foi preparado polo consultor político e académico Alfredo Serrano, e presentado no Instituto Matías Romero, da capital mexicana.

As motivacións do rescate a Evo Morales

No acto, Ebrard profundou en relación coas motivacións do rescate: “Tamén nos deixa unha gran lección, penso eu, para toda América Latina e o Caribe: ten que haber un límite, é dicir, non se pode, en nome de calquera argumento que poida ser relevante, promover golpes de Estado”.

Evo Morales agradeceu a través das redes sociais non só a presentación do texto, senón o propio rescate en 2019. Morales, que resultara gañador nas eleccións presidenciais e foi derrocado pola oposición baseado nun informe da OEA, chegou a México como asilado político xunto cos seus colaboradores.  

Comentarios