Cuarto ataque terrorista da ultra-dereita en 9 meses nos EUA

"O meu obxectivo era matar o maior número de mexicanos"

O asasino confeso de 20 persoas en El Paso (Texas) perpetrou o masacre após deixar por escrito nun manifesto xenófobo que "este ataque é unha resposta á invasión de Texas polos hispanos". A realidade histórica é a contraria: Texas foi anexionada polos EUA en 1848 após unha vitoria militar sobre México.
patrick
photo_camera Patrick Crusius

3 das 20 vítimas mortais do masacre de El Paso e 6 das 26 persoas feridas tiñan nacionalidade mexicana. Nesa cidade fronteiriza 80% da populación é hispana. Patrick Crusius, de 21 anos, nada máis ser arrestado, tornou ben doada a investigación á policía ao revelar o móbil do crime: "O meu obxectivo era matar o maior número de mexicanos".

A matanza é o cuarto ataque terrorista da ultra-dereita que se produce nos últimos nove meses nos EUA. Os tres anteriores foron ataques de filiación neo-nazi, dous a sinagogas (cun saldo de 12 mortos) e un terceiro a un festival gastronómico en California (unha persoa asasinada). A escalada de odio ás persoas estranxeiras salpica directamente o inquilino da Casa Branca, Donald Trump, quen desde a súa campaña de 2015 se ten especializado en prodigar ofensas racistas ás mexicanas e aos mexicanos. Aos seus ollos son "violadores, asasinos e algúns deles supoño que boa xente", chegou a dicir nun mitin.

A retórica anti-mexicana de Trump é o caldo gordo de que se nutre o terrorismo xenófobo. Así o ve o Partido Demócrata, agora en campaña para elixir a alternativa ao líder republicano nas presidenciais de novembro de 2020. Destarte, o ex congresista texano Beto O'Rourke, aspirante a candidato na carreira cara á Casa Branca, declarou: "Trump é un racista e aviva o racismo neste país, e non só ofende a nosa sensibilidade, senón que muda o carácter deste país e leva á violencia".

A reacción de México DF non se fixo agardar. O secretario de Asuntos Exteriores, Marcelo Ebrard, afirmou o domingo que o seu país adoptará accións legais visando garantir a seguranza da colonia mexicana nos EUA.

Comentarios