Eleccións presidenciais

Mesa rexeita a auditoría en Bolivia e Morales denuncia un golpe de Estado

A inspección do proceso electoral do 20 de outubro está previsto que dea comezo esta segunda feira, 4 de novembro, mentres que os opositores máis radicais ao presidente boliviano toman as rúas diariamente tal e como acontecera en 2008.

santa-cruz
photo_camera Manifestantes na cidade de Santa Cruz, opositores a Evo Morales, o domingo. Foto: Europa Press

O líder de Comunidade Cidadá e candidato á Presidencia de Bolivia nos pasados comicios de 20 de outubro, Carlos Mesa, solicitou este domingo, 3 de novembro, unha nova convocatoria electoral, despois de mudar de opinión e desbotar a posibilidade dunha auditoría electoral integral, que estaba previsto que dese comezo nesta segunda feira.

Mesa primeiro esixira unha segunda volta, rexeitando o cómputo oficial de votos. Posteriormente, demandara a auditoría internacional por sospeitas de fraude. Agora solicita a anulación das eleccións e esta segunda convocatoria, cos opositores máis radicais ao presidente boliviano, Evo Morales, tomando as rúas diariamente.

Morales, ao respecto, considera que Santa Cruz, a rexión máis próspera do país, está detrás dunha nova tentativa de golpe de Estado, tal e como acontecera en 2008 cando tivo que declarar o estado de sitio na rexión de Pando. «Hai fraude... Agora, que din?: 'Fóra Evo'. Xa non é tema de fraude, é un tema de golpe, sinalou.

Ademais, o presidente boliviano anunciou unha «xuntanza de urxencia» co movemento obreiro e cos movementos sociais para facer fronte ás novas circunstancias derivadas do non recoñecemento por parte da oposición do resultado dos comicios.

Comentarios