A Mesa do Congreso rexeita unha vez máis que a Cámara investigue Juan Carlos I

Rexeita a solicitude de BNG, ERC,  Junts,  PDeCAT,  Bildu,  CUP.

Os reis eméritos Juan Carlos I e Sofía de Grecia no Congreso, nunha imaxe de arquivo (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Os reis eméritos Juan Carlos I e Sofía de Grecia no Congreso, nunha imaxe de arquivo (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

A Mesa do Congreso volveu rexeitar esta cuarta feira, cos votos de PSOE, PP e  Vox, a tramitación dunha nova comisión de investigación sobre o rei emérito Juan Carlos I, esta vez por unha nova solicitude cursada polas formacións soberanistas.

A petición rexeitada leva a sinatura de BNG, ERC,  Junts,  PDeCAT,  Bildu,  CUP e céntrase nas "presuntas ilegalidades e irregularidades cometidas polo ex xefe do Estado e as influencias diplomáticas e comerciais con Arabia Saudita e Casaquistán".

Os letrados da Cámara, segundo o documento ao que tivo acceso Europa  Press, mostráronse en contra da súa tramitación tendo en conta a posición institucional da Xefatura do Estado no marco constitucional", uns argumentos que fixeron seus PSOE, PP e  Vox. Unidas Podemos si apoiou a súa tramitación.

Como en anteriores ocasións, os servizos xurídicos e a maioría da Mesa aducen os artigos 56.3 e 65 da Constitución. O primeiro consagra a figura do rei como " inviolábel" e non "suxeita a responsabilidade" e o segundo establece que o Xefe do Estado distribúe libremente a partida orzamentaria que recibe cada ano.

Con estes mesmos argumentos, a Mesa do Congreso xa rexeitou unha decena de veces iniciativas similares á rexistrada polos soberanistas. Nesta ocasión os asinantes tomaban como referencia un programa de TV3 no que un  ex alcalde da capital kazaka, actualmente refuxiado en Suíza, asegura que en 2002 o presidente  Nazarbayev entregou diñeiro a Juan Carlos I.

As formacións independentistas sosteñen que este episodio, unido ás investigacións que leven a cabo en Suíza e na Fiscalía Anticorrupción sobre outros asuntos relativos ao pai de Felipe VI, require a apertura dunha comisión de investigación no Congreso.

Ao seu xuízo, resulta "inaceptábel" que non se coñeza "a fortuna real de Juan Carlos I, nin se se atopa en paraísos fiscais ou escondida en fundacións opacas", polo que piden "investigar as supostas irregularidades do anterior xefe do Estado, así como os seus cómplices, e as súas posíbeis influencias na política diplomática e comercial con Arabia Saudita e Casaquistán".

Comentarios