Merkel e Macron formulan un fondo de recuperación de 500.000 millóns

O fondo anunciado por Merkel e Macron fica moi lonxe dos 2 billóns reclamados polo Parlamento europeo.
Merkel e Macron na rolda de prensa após a reunión por videoconferencia (Imaxe: Kay Nietfeld / dpa-Pool/ dpa )
photo_camera Merkel e Macron na rolda de prensa após a reunión por videoconferencia (Imaxe: Kay Nietfeld / dpa-Pool/ dpa )

A chanceler alemá, Angela Merkel, e o presidente francés,  Emmanuel Macron, propuxeron esta segunda feira, 18 de maio, a posta en marcha dun fondo de recuperación da economía da Unión Europea de 500.000 millóns de euros destinado aos países comunitarios e aos sectores máis golpeados pola pandemia da COVID-19 a través de transferencias orzamentarias, cuestión que demandaban Estados como o español ou o italiano para non atoparse cunha inabarcábel débeda que suporían os préstamos en lugar das transferencias.

Merkel e Macron mantiveron unha videoconferencia e ao rematar anunciaron a iniciativa. "Queremos un fondo, que estará limitado no tempo, de 500.000 millóns de euros. Non se trataría de créditos senón de gastos orzamentarios destinados aos sectores e rexións máis golpeados pola  COVID-19", subliñou a chanceler Merkel. 

Lonxe do demandado

A proposta franco-alemá para crear ese fondo queda moi lonxe do plan de ao redor de 1,5 billóns que expuxeron a Comisión Europea e o Estado español, e máis lonxe aínda do demandado polo Parlamento europeo. 

Cunha ampla maioría o 15 de maio a Eurocámara aprobou unha resolución en que apostaba por dotar de 2 billóns de euros o fondo de axuda e sinalábase que este estaría financiado con débeda comunitaria e que se canalizaría á economía real a través de transferencias directas, ao tempo que se pulaba para que entrase en vigor canto antes. 

As potencias centroeuropeas son conscientes do descrédito social crecente das institucións comunitarias e de toda a UE logo de non amosaren axilidade nin empatía co azoute da crise sobre os pobos. A proposta conxunta franco-alemá semella querer dar resposta, mais os cartos están lonxe dos marcados como necesarios. 

Comentarios