Mercenarios en Ucraína: até 2.000 dólares ao día por loitar contra Rusia

Unha compañía estadounidense ofrece entre 1.000 e 2.000 dólares diarios a quen traballe en Ucraína como "axente de protección e extracción". Até o momento perto de 16.000 cidadáns procedentes de 50 países de todo o mundo foron incorporadas á Lexión Estranxeira, segundo o Goberno ucraíno.
Un soldado do Exército ucraíno desde as trincheiras de Kíiv. (Foto Alex Chan Tsz / Yuk Zuma Press)
photo_camera Un soldado do Exército ucraíno desde as trincheiras de Kíiv. (Foto Alex Chan Tsz / Yuk Zuma Press)

O Goberno de Ucraína fixo un chamamento desde o inicio da invasión rusa a cidadáns de todo o mundo a unírense ás Forzas Armadas, mesmo habilitou un portal web para facilitar o alistamento.

"[Os civís] Xa demostraron a súa valentía e forza defendendo a súa patria, Europa e os nosos valores comúns de civilización. Non se trata só dunha invasión de Ucraína por parte de Rusia, senón do comezo dunha guerra contra toda Europa. O presidente [Volodimir] Zelenski creou a Lexión Internacional de Ucraína, formada por cidadáns estranxeiros que queren unirse á resistencia contra os ocupantes rusos e loitar pola seguridade global. Únete á Lexión e axúdanos a defender Ucraína, Europa e o mundo enteiro!", expón este sitio web.

Segundo o Goberno ucraíno, perto de 16.000 persoas procedentes de medio centenar de países participan deste rexemento militar. O servizo con esta lexión é "oficial e legal", subliñan as autoridades ucraínas. Unha persoa que queira alistarse debe presentar unha serie de documentos para confirmar a súa experiencia previa en combate ou prestación do servizo militar e, posteriormente, será entrevistada por militares deste país para confirmar o seu reclutamento.

"É posíbel que persoas de distintas nacionalidades poidan ir a outros países para alistarse. O noso ordenamento xurídico non prohíbe esa posibilidade", dixo o pasado mes de marzo a ministra de Xustiza española, Pilar Llop.

De feito, segundo expón o xornal La Vanguardia, unha docena de cidadáns de nacionalidade española áchanse actualmente na fronte de combate. Un deles é o coñecido militante da extrema dereita valenciana Pablo Garrido, Turbito, quen compartiu un vídeo no que aparece montando un fusil de asalto e afirmando que está a "gozar" en Ucraína.

A este respecto, o medio El Confidencial afirma que o Goberno ucraíno "non quere" aos "novatos" españois na fronte, ao careceren da experiencia precisa e non cumpriren os requisitos.

Mercenarios a soldo dos EUA

Os 'mercenarios' de todo o mundo buscan traballo no seu propio 'LinkedIn', silentprofessionals.org, un portal de emprego destinado a persoas con formación militar e de seguridade.

Unha das ofertas en territorio ucraíno é para "axentes de extracción ou protección", remunerada con entre 1.000 e 2.000 dólares americanos ($) por día máis bonus. A empresa contratante, segundo expón, é "unha corporación con sede nos EUA" que busca "múltiples axentes de extracción/protección para levar a cabo a tempo parcial operacións de extracción/evacuación de individuos e familias en todo o campo e as principais cidades de Ucraína", unhas operacións que serían "encubertas".

Porén, fontes presentes no terreo informaron ao xornal El Español das eivas que atopan as persoas que integran a Lexión Estranxeira: "Desde fóra de Ucraína aseguraban que pagaban 3.000 euros ao mes por alistarse e loitar, cando resulta que son 300 euros. Prometían material e equipos e só se dan fusís ametralladores e pouco máis".

A propia web de alistamento do Exército ucraíno, con todo, recomenda que as persoas voluntarias "leven cadanseu equipo propio de combate", se ben tamén afirma que "se proporciona soporte completo".

Comentarios