Cinco menores mutilados ou mortos ao día na guerra afgá

É un dos datos achegados por un novo informe da ONG Save the Children, correspondentes ao período 2005-2019.
Entre 2017 e 2019 rexistráronse máis de 300 ataques a escolas. (Foto: Nacións Unidas)
photo_camera Entre 2017 e 2019 rexistráronse máis de 300 ataques a escolas. (Foto: Nacións Unidas)

Máis de 26.000 nenas e nenos morreron ou quedaron mutilados como consecuencia da guerra no Afganistán durante os últimos 14 anos, o que supón unha media de cinco menores falecidos ou feridos cada día nese período, segundo un informe de Save the Children.

A pandemia de coronavirus emperou aínda máis a situación en Afganistán, aumentando as necesidades humanitarias, especialmente no caso das crianzas. Segundo as estimacións de Nacións Unidas, sete millóns de menores necesitan axuda urxente, porén  a petición de fondos para axuda humanitaria en 2020 aínda non conseguiu a metade dos recursos reclamados.

O informe da ONG pon de manifesto que entre 2017 e 2019 se rexistraron máis de 300 ataques contra escolas. Ademais, sinala que 3,7 millóns de crianzas, case a metade do alumnado de primaria do Afganistán, non poden asistir á escola.

Tamén recolle que 14 millóns de persoas, perto da metade da poboación do país, necesitan axuda humanitaria e máis de sete millóns de menores están en risco de padecer fame en 2020. Neste contexto, tres millóns de nenas e nenos afgáns de menos de cinco anos de idade sofren desnutrición.

Conferencia do Afganistán

O director de Save the Children no Afganistán, Chris Nyamandi, alertou nun comunicado da grave situación que afrontan crianzas e proxenitores no país centroasiático. "Imaxinen vivir co medo constante de que hoxe podería ser o día en que o seu fillo morre por un atentado suicida ou un ataque aéreo. Esta é a desalentadora realidade para ducias de miles de nais e pais afgáns cuxos fillos morreron ou resultaron feridos", afirmou.

A pandemia de coronavirus sumouse á "miseria" que xa padecían estes menores e é un problema que "debe ser abordado con novos fondos", subliñou. "Nun momento en que as necesidades humanitarias aumentan máis que nunca, trátase dunha loita por garantir os fondos que se necesitan para axudar a poboación", indicou.

Neste sentido, Nyamandi subliñou que a Conferencia do Afganistán que comeza esta semana en Xenebra representa "un momento crucial" para que os Gobernos "reafirmen o seu apoio" ao país e "aos seus millóns de nenas e de nenos" nun momento, ademais, en que "é máis necesario que nunca".

Comentarios