Mélenchon pide a expulsión de Syriza do Partido da Esquerda Europea

É neste momento o líder indiscutíbel da esquerda francesa, após o naufraxio do PS. Denuncia a entrega de Syriza aos ditados da Comisión e, en concreto, as súas políticas restritivas do direito de folga.

Tsipras e Junker_Comisión Europea
photo_camera Tsipras e Junker, presidente da Comisión Europea.

Pequeno incendio na esquerda europea non afiliada á Internacional Socialista. Declarouse a pasada cuarta feira cando Jean-Luc Mélenchon -a grande surpresa das presidenciais na Franza, embora non pasar á rolda final que disputarían Le Pen e Macron- demandou a expulsión de Syriza do Partido da Esquerda Europea. A demanda non achou o apoio do presidente do PEE, o dirixente de Die Linke Gregor Gysi.

Que argumenta Mélenchon? Basicamente que para a francesa Fronte de Esquerda se ten tornado "imposíbel" "coexistir no mesmo movimento que a Syriza de Alexis Tsipras", dadas as "políticas de austeridade e de limitación (entre outros) do direito de greve" desenvolvidas polo goberno grego ao ditado da Comisión Europea. Mélenchon critica que o executivo liderado por Tsipras aprobase no Parlamento grego o terceiro memorando de resgate do país, que incluiría unha nova xeira de retallamentos sociais.

A resposta non se fixo agardar. A demanda de expulsión foi cualificada polo europarlamentar de Syriza Dimitris Papadimoulis de "non democrática, provocativa e divisiva. A esquerda necesita unidade e alianzas, non novas divisións", dixo.

Aliás, a posición máis significativa fixouna o dirixente de Die Linke e actual presidente do Partido da Esquerda Europea, Gregor Gysi, quen, por meio dun comunicado, afirmou que a fortaleza do PEE reside en "organizarse da forma máis ampla posíbel, a evitar conflitos e a promover debates, mais non expulsións". Ese non é o mellor camiño para fortificar as expectativas da esquerda con vistas ás eleccións ao Parlamento europeu axendadas para 2019, argüíu.

Gysi mostrou a súa convicción de que a moción de expulsión de Syriza non prosperará nos organismos de dirección do PEE. O dirixente de Die Linke acha "lexítima" a crítica ao goberno de Tsipras, mais enfatiza que as súas políticas máis antipopulares non son produto da súa vontade senón da "chantaxe" á que se ve submetido "pola Troika e polo goberno alemán".

Comentarios