Serán as bases as que decidan o voto na segunda volta

Mélenchon, equidistante entre "dous candidatos que queren prolongar as institucións actuais"

A grande surpresa da esquerda non acabou de callar. O candidato da Franza Insubmisa, Jean-Luc Mélenchon, desmarcouse este domingo de Fillon e de Hamon -os cartaces do derrotado bipartidismo- e non pareceu moi entusiasmado coa hipótese de engrosar o consenso republicano para frear a ultra Le Pen. Será a militancia nunha consulta a que decida que facer na segunda volta do 7 de maio.

Mele

Mélenchon obtivo un excelente resultado -19,62 por cento, apenas unhas décimas por debaixo de Fillon- mais ficou un chisco aquén das expectativas criadas na última semana da campaña, cando mesmo se especulou coa hipótese de que fose meter a cabeza na segunda volta da contenda.

El propio deu a impresión de dixerir mal os resultados na noite eleitoral. "O resultado non é o que esperabamos", dixo. Baixo o seu ponto de vista, quen si está satisfeito é o establishment e o que el chama os "mediácratas", isto é, os poderosos que se agachan tras o dominio dos meios de comunicación.

"Nada é tan belo para eles" -dixo en alusión a oligarcas e mediácratas- "como unha segunda volta entre dous candidatos que queren prolongar as institucións actuais, que non expresan ningunha conciencia ecolóxica e que pensan bater contra os logros sociais máis elementais".

Mélenchon rompeu co Partido Socialista en 2008 para fundar un partido á súa esquerda, un pouco na esteira do feito por Oskar Lafontein en Alemaña. En 2012 xa foi candidato ás presidenciais e obtivo un estimábel 11,1 por cento. 

A súa campaña foi crítica coa Unión Europea -mais non ao ponto de se colocar na posición do Frexit-, demandou a saída do país da OTAN e se apresentou como o auténtico socialista, para se desmarcar dos seus ex correlixionarios, aos que tilda de social-liberais.

Son tamén coñecidas as súas manifestacións contrarias á condición de Franza como un Estado plurinacional e plurilingüe, na máis pura tradición xacobina.

Durante a campaña, recebeu o apoio de Podemos, coa presenza no mitin final de Pablo Iglesias e Antón-Gómez Reino, portavoz de En Marea no Congreso.

Comentarios