Aumentan as trabas para acceder a ficheiros sobre crimes franquistas

Historiadoras, xuristas e activistas da memoria histórica alertan a Nós Diario do incremento das dificultades para acceder á información sobre crimes do franquismo. Nos últimos tempos apareceron máis escollos para consultar arquivos e historiais, debido a lecturas interesadas da lei de protección de datos. Precisamente, esta semana a Xunta de Portavoces do Congreso dos Deputados do Estado español vetaba facer público a folla de servizos de Billy El Niño escudándose na protección de datos.
 
fotonoticia_20200205144622_640
photo_camera Antonio González Pacheco, alias Billy el Niño, con boina, entrando nun coche (Imaxe: Europa Press)

A decisión da Mesa do Congreso dos Deputados do Estado español, ratificada pola Xunta de Portavoces esta semana, de non facer pública a folla de servizos do policía torturador durante a ditadura Antonio González Pacheco, alias Billy el Niño, puxo de novo o foco sobre a armazón legal que protexe responsábeis de crimes franquistas.

Leis como a de protección de datos ou outras máis antigas son empregadas para pór trabas ao traballo investigador e ao coñecemento sobre a implicación de persoas vivas e mortas en accións represivas, torturas e asasinatos durante o franquismo. A máis antiga das trabas legais é a lei de segredos oficiais, de 1968, que permite ao Goberno español decidir que documentación é ou non pública. "O Estado mesmo pode volver clasificar baixo segredo ficheiros que previamente fosen públicos", sinala a Nós Diario o historiador Xosé Álvarez Castro. 

O labor das investigadoras afronta tamén a lei de patrimonio histórico de xuño de 1985, xa que para consultar datos de carácter policial, procesual ou que afecten á honra e imaxe de persoas, a investigadora ha de contar cun consentimento expreso desas persoas implicadas. Só hai dúas excepcións aquí, ou ben que transcorreran 25 anos desde a morte da persoa ou 50 anos desde a data de creación do documento.

Así, múltiples arquivos aférranse a esta norma para impedir consultar a investigadoras documentos que non teñan máis de 50 anos. 

Restricións nos arquivos 

"Estamos nunha situación moi insegura", sinala o investigador Dionisio Pereira a Nós Diario, alertando sobre o perigo de que institucións académicas cheguen a censurar traballos de investigación facendo unha lectura sesgada da lei de protección de datos. Pereira lembra a este respecto o caso acontecido en 2019 sobre unha investigación publicada onde aparecía a identidade do alférez franquista que actuou como secretario do consello de guerra que condenou a morte o poeta Miguel Hernández.

O fillo do alférez solicitou pola vía administrativa a retirada do nome do seu pai dos documentos da Universidade de Alacant, á cal accedeu, sen nin sequera haber resolución xudicial, a substituír por siglas o nome do alférez nos traballos xa publicados. Pese a que finalmente a Universidade rectificou, "isto deu lugar a unha alarma do que pode acontecer no futuro", lamenta Pereira.

"Como investigador, teño agora máis problemas para acceder a ficheiros que hai 15 anos", sinala o historiador, ao tempo que denuncia a arbitrariedade dos arquivos españois.

"Coas condicións que hai hoxe en día de interpretacións encontradas sobre a lei de protección de datos, ter permiso para consultar arquivos é arbitrario, xa que para acceder a documentos dependes da boa vontade do arquiveiro", sinala Pereira. Recorda ademais este investigador cando en 2007 fora procesado por un delito de honra do que foi absolto, debido a unha das súas investigacións. Daquela accedera sen problema ningún a ficheiros da Falanxe no arquivo de Pontevedra para poder armar a súa defensa. Hoxe, porén, sinala que coa lei na man non tería esas facilidades para protexerse. 

O acceso aos repositorios é unha problemática discutida de maneira recorrente no ámbito da investigación, sinala o historiador Xosé Álvarez Castro, quen coincide con Pereira en sinalar que se está a producir "unha regresión nas condicións de acceso aos arquivos". Álvarez remarca tamén como eiva a "falta de clarificación en leis como a de protección de datos, o que complica moito a actividade investigadora" e deixa en numerosas ocasións desprotexidos as e os arquiveiros. De entre os repositorios máis "escurantistas", Pereira salienta os da Garda Civil e algúns do exército. 

Un armazón legal

Para a escritora Montse Fajardo a utilización que se está a facer da lexislación sobre protección de datos vai na liña da lei de amnistía: protexer as persoas agresoras. "Aministiouse a quen nunca foi xulgado. No sistema español sempre se utilizaron as leis para manter impunidade do franquismo, non só no caso dos arquivos", resalta a Nós Diario. 

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube 

Comentarios