Medra a violencia entre Venezuela e Colombia, que reforzan as tropas na raia

Hai 23 vítimas mortais por mor duns enfrontamentos na fronteira dos que o presidente colombiano, Iván Duque, responsabiliza Venezuela.
Forzas policiais colombianas, nunha imaxe de arquivo (Foto: Juan Camilo Erazo / DPA).
photo_camera Forzas policiais colombianas, nunha imaxe de arquivo (Foto: Juan Camilo Erazo / DPA).

O Exército de Venezuela elevou esta madrugada o seu "nivel de alerta" nos municipios lindeiros con Colombia ante a escalada de violencia rexistrada no departamento colombiano de Arauca nestes primeiros días do ano, cun balance, polo de agora, de 23 persoas falecidas, segundo informa Europa Press.

"A Forza Armada Nacional Bolivariana (FANB), que xa está despregada nos municipios lindeiros con Arauca, elevou a alerta ante estes acontecementos para protexer o pobo e responder contundentemente ante calquera agresión á nosa soberanía", defendeu o ministro de Defensa venezolano, Vladimir Padrino.

Morreron, cando menos, 23 persoas, nuns enfrontamentos protagonizados polo Exército de Liberación Nacional (ELN) e as disidencias das extintas Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia (FARC).

Duque culpa Venezuela de "protexer os violentos"

Pola súa parte, o presidente colombiano, Iván Duque, lamentou que os grupos violentos teñan obtido a "protección" e o "resgardo" do Goberno de Nicolás Maduro.

"O que pasou en Arauca explícase porque hai uns territorios nos que se veñen enfrontando eses grupos na fronteira con Venezuela, onde tiveron protección e resgardo por parte do Réxime de Maduro", apuntou Duque.

Ante estas acusacións, o ministro Padrino afirmou que Iván Duque é "o peor presidente de Colombia", ao tempo que o acusou de "crear forzas de élite, enviar batallóns e ordenar operacións mentres emite un panfletario informe para ocultar unha realidade que hoxe é palpábel en Arauca.

A respecto dos continuos ataques, o Goberno colombiano ordenou o desprazamento de membros das Forzas Armadas e da Policía de Colombia a este departamento. "Enviaremos dous batallóns, aumentaremos a capacidade de intelixencia e supervisión con helicópteros e avións para garantir o control territorial", concluíu.

Comentarios