Medra en Escocia o impulso ao 'Si' á independencia

A diferenza de voto entre partidarios e unionistas diminúe a 10 puntos cunha nova enquisa publicada polo Sunday Times que se realizou despois do anuncio da data do referendo. O partido máis valorado é o Scottish National Party.

Alba Saor

O anuncio da data definitiva do referendo en Escocia, prevista para o 18 de setembro de 2014, impulsou o aumento de partidari@s da independencia fronte ao Reuno Unido. Unha enquisa publicada polo xornal Sunday Times, realizada cando xa se fixera público o día da consulta, mostra que o apoio ao "Si" é do 36%, ao Non do 46%, e ao "Non sabe" do 18%. 

As campañas a prol da independencia de Escocia fixeron medrar até un 2% a simpatía por esta opción e pola contra baixar un 1%. A enquisa amosa, segundo o xornal escocés Newsnetscotland.com, unha "lenta erosión" no número de votos contrarios a un estado propio.

O partido político mellor valorado é o Scottish National Party (SNP) cun 47% do apoio para o Parlamento

Confianza no SNP

Na enquisa tamén hai un oco para valorar o apoio ás diferentes forzas políticas dese país. O resultado obtido amosa que o partido político mellor valorado é o Scottish National Party (SNP) cun 47% do apoio para o Parlamento, un 2% máis cá no 2011. Laboristas, Conservadores e Liberal-demócratas reducen o apoio entre un 2% e un 3%. 

Annabelle Janet Ewing, parlamentaria do SNP, asegurou a Newsnetscotland.com que "coa data do referendo definida, esta enquisa mostra que as persoas na Escocia acreditan máis que as decicións sobre nós deben ser decisións feitas por persoas na Escócia, e que só vai garantir o "Si" ter esa oportunidade".

 

Comentarios