Medo a atentados na evacuación de Kabul, pánico á crise humanitaria que a seguirá

Un terzo da poboación do Afganistán carece de acceso diario a comida.
EuropaPress_3898391_25_august_2021_afghanistan_kabul_south_korean_soldier_looks_for_afghans_who
photo_camera Un soldado surcoreano busca un cidadán afgán para evacuar de Kabul (Foto: YNA / dpa)

Os países occidentais continuaron esta cuarta feira coa evacuación acelerada do Afganistán, tendo presente a vindeira terza feira como data límite para que as tropas estranxeiras abandonen o país. O temor a que moita xente vulnerábel a posíbeis represalias por parte dos talibán fique atrás está cada vez máis presente nas declaracións dos líderes mundiais.  

Máis de 10.000 persoas permanecen no aeroporto de Kabul á espera de poder saír nas próximas horas, segundo o Departamento de Defensa dos EUA, que xa anticipou que comezará a priorizar a evacuación das súas tropas ante o inminente repregue definitivo.

EUA e os seus aliados evacuaron arredor de 88.000 persoas ─incluíndo os seus nacionais, persoal da OTAN e afgáns en risco─ desde o 14 de agosto, un día antes de o grupo islamista radical entrar en Kabul e pór fin a 20 anos de presenza militar estranxeira.

O portavoz do Pentágono, John Kirby, subliñou o compromiso de Washington cos esforzos para sacar de Afganistán "persoas necesitadas", aínda que tamén suxeriu que cumprirá "reservar" algúns espazos nestes "últimos días" para trasladar os efectivos estadounidenses, recolleu CNN.

O presidente Joe Biden afirmou que o perigo que afrontan as tropas do país norteamericano vai en aumento. Segundo informou a axencia Reuters citando dúas fontes anónimas da Casa Branca, medra a preocupación a posíbeis atentados suicidas no aeroporto por parte de Estado Islámico.

A fame axexa

Máis para os organismos e axencias humanitarias internacionais o gran temor é a inminente crise humanitaria que vén detrás. Segundo Unicef, uns dez millóns de crianzas necesitan axuda urxente. Os menores afgáns xa sobreviven actualmente grazas á asistencia humanitaria e a axencia para a infancia da ONU calcula que un millón máis sufrirá malnutrición, con perigo para a súa vida, antes de acabar o ano.

O Programa Mundial de Alimentos da ONU busca 200 millóns de dólares en alimentos. David Beasley, o seu director executivo, sinalou que 14 millóns de persoas ─un terzo da poboación afgá─ sofren inseguridade alimentaria "por varios anos de secas, conflito, deterioro económico, agravado todo pola Covid".

Mentres, en Europa, a Policía neerlandesa disolveu unha concentración ultradereitista de máis de 250 persoas na provincia de Güeldres contra as persoas evacuadas do Afganistán

A protesta desenvolveuse fronte a unha base militar convertida en centro temporal de acollida, na localidade de Harskamp. Os concentrados berraron lemas como "A nosa xente vai primeiro".

Comentarios