Medio millón de euros do erario público para defender o xuíz Llarena perante un tribunal belga

O Ministerio de Xustiza provisionou 450.413,22 euros, máis outros 94.568,78 en concepto de impostos. A suma total, 544.982 euros. O contrato asinouse co bufete de avogados Liederkerke Wolters Waelbroeck Kirpatrick.

llarena
photo_camera Pablo Llarena

En xuño dirixentes soberanistas catalás encabezados polo president da Generalitat no exilio Carles Puigdemont interpuxeron unha demanda en Bélxica contra o xuíz da Audiencia Nacional Pablo Llarena por pretensa vulneración do dereito a un xuízo xusto e á presunción de inocencia. A querela baséase na realización por parte do maxistrado de declaracións públicas. En concreto, aquelas proferidas por Llarena en Oviedo en febreiro pasado en que negaba o carácter de presos políticos dos soberanistas encarcerados en prisións españolas.

A demanda ten como fin afastar Llarena —que mantén a acusación de rebelión embora este ilícito penal non teña sido visto polas autoridades xudiciais alemás cando receberon a petición da extradicción—da instrución da causa.

A posición do goberno español sobre o asunto da defensa de Llarena ten sido no mínimo ziguezagueante: desde as primeiras declaracións feitas desde o Ministerio de Xustiza —en que se afirmaba que o estado non podía correr cos gastos decorrentes da demanda por esta ter como orixe declaracións realizadas polo xuíz fóra dos tribunais— até a asunción do tema por parte do propio Pedro Sánchez, quen elevou o ton ao cualificar de "cuestión de estado" o amparo ao maxistrado.

Comentarios