Médicos Sen Fronteiras resgata máis de 2.000 refuxiadas do Mediterráneo

Nas últimas 36 horas máis de 2.000 refuxiadas foron resgatadas das balsas nas que trataban de cruzar o Mediterráneo. No que vai de 2016, un total de 2.800 persoas perderon a súa vida no mar ao intentar chegar a Europa.

[Imaxe: Sara Creta/MSF] Resgate de refuxiadas no Mediterráneo
photo_camera [Imaxe: Sara Creta/MSF] Resgate de refuxiadas no Mediterráneo

Médicos Sen Fronteiras resgatou nas últimas 36 horas un total de 2.028 refuxiadas que viaxaban a bordo de balsas polo Mediterráneo. Foron necesarias 15 operacións de salvamento e tres buques de resgate para salvar as máis de 2.000 vidas, segundo informa a OG nun comunicado de imprensa. Segundo a entidade, as refuxiadas trataban de cruzar o Mediterráneo a bordo de balsas de goma e embarcacións de madeira.

MSF Italia aproveitou este novo resgate para denunciar a incapacidade da UE para tratar a crise das refuxiadas con eficacia e humanidade, “mentres estas dramáticas circunstancias se repiten unha e outra vez no Mediterráneo, os líderes europeos continúan buscando alternativas para devolver estas persoas e o seu sufrimento cara a outros países”.

MSF critica que os líderes europeos se centren na "disuasión e na externalización do control das fronteiras cara a outros países"

Na mesma liña, a ONG censura que as actuacións dos líderes europeos “continúen centrándose na disuasión e na externalización do control das fronteiras cara a outros países, en lugar de coidar e protexer a xente”.

No que vai de ano, máis de 2.800 persoas perderon a súa vida no mar. Son mil persoas máis que no mesmo período do ano pasado. Segundo MSF, os equipos da organización a bordo dos buques de resgate salvaron 5.653 persoas en 44 operacións diferentes.


Comentarios